Ponteareas humanizará o entorno da Praza de Abastos e Auditorio

O Alcalde de Ponteareas e a Tenente de Alcalde presentaron o estudo previo de humanización do espazo comprendido entre a Praza de Abastos e o Auditorio Municipal, na Rúa Fernández Vega.

A reforma proxectada prevé a creación dunha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, mantendo os dous carrís para a circulación de vehículos. Estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns.

O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.

Ao mesmo tempo, o alcalde sinala que a reforma potenciará máis o comercio local da zona e o Mercado Municipal ao converter o seu entorno nun lugar atractivo, agradábel e seguro”.

Este xoves día 21 de marzo ás 18:30 horas manterase un encontro participativo coa  veciñanza da zona e tamén se porá a disposición de toda a poboación na web municipal, no espazo Ponteareas o teu fogar. Para achegar suxestións, propostas e ideas a veciñanza poderá facelo a través da web do concello ou participando na reunión aberta que se celebrará na segunda semana de marzo.

Unha vez recollecidas as ideas e propostas veciñais redactarase o proxecto definitivo, licitarase e executarase a obra con cargo aos fondos FEDER da Unión Europea que será unha realidade antes de rematar o ano 2019.

Xosé Represas explicou que estamos actuando de forma seria e decidida para superar o desastre urbanístico que sofreu Pontareas e transformar completamente a vila para convertela nun lugar pensado para as persoas.