Ponteareas humaniza un novo tramo do Paseo Matutino a través do seu Obradoiro de Emprego

Ponteareas humaniza un novo tramo do Paseo Matutino a través do seu Obradoiro de Emprego

O alumnado do obradoiro de albanelería reconstrúe e amplía ao dobre a marxe dereita da beirarrúa no segundo tramo da rúa

O Concello de Ponteareas comezou hai uns días as obras de reforma e humanización da marxe dereita do Paseo Matutino no seu segundo tramo, entre a rúa Castañal e a rúa Nardos. Trátase dun tramo de 125 metros de lonxitude, con moito tránsito peonil e que até agora contaba cunha beirarrúa de tan só 1,50 metros en moi mal estado. Hai varios meses, o Goberno municipal do BNG-PSOE reordenou o espazo, reducindo a anchura do carril de circulación e gañando outro metro e medio para as e os peóns mediante o pintado dunha senda sobre o asfalto a carón da beirarrúa.

As obras están sendo executadas polo Obradoiro de Emprego de albanelería organizado pola Concellaría de Formación e Emprego que dirixe Vanesa Fernández. A edil salientou que “por oitavo ano consecutivo ofrecemos varios obradoiros nos que 20 persoas desempregadas aprenden un oficio cobrando ao mesmo tempo un salario. Co obradoiro de albanelería, a aprendizaxe do alumnado supón ao mesmo tempo realizar obras para mellorar a calidade de vida en Ponteareas”.

Segundo a Concelleira de Vías e Obras, que supervisa os traballos do Obradoiro, esta actuación supón continuar a humanización do Paseo Matutino, logo da gran reforma realizada hai varios anos no seu primeiro tramo. “Agora continuamos no segundo tramo creando unha beirarrúa de tres metros de anchura, o dobre da anterior, ao que se engade arborado e mobiliario urbano e que facilitará a mobilidade das persoas, especialmente do alumnado que percorre esta rúa para acudir aos tres institutos de Ponteareas”. A obra conectará co tramo do camiño escolar actualmente en execución, de maneira que o segundo tramo do Paseo Matutino dende a rúa Castañal até a entrada aos IES en Feliciano Barrera quedará transformada e mellorada substancialmente.

Pola súa banda, Roberto Mera, concelleiro de Mobilidade, explicou que a obra serve para entender “as actuacións provisionais que mediante pintura vimos facendo para facilitar a mobilidade das persoas, como aconteceu neste tramo do Paseo Matutino. Esas actuacións tácticas de baixo custo son o paso previo ás obras de envergadura que acaban transformando Ponteareas nunha vila con maior calidade de vida”.

O Goberno municipal do BNG-PSOE salienta que esta actuación reflicte a boa coordinación do executivo local ao estar implicadas nela a concellaría de Formación e Emprego e a de Vías e Obras que dirixen respectivamente Vanesa Fernández e Chus Garrote e a concellaría de Mobilidade que dirixe Roberto Mera.