Ponteareas homenaxeou aos seus maiores nos xardíns da residencia Santa Ana

O acto contou coa presenza da concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, e do alcalde ponteareán, Xosé Represas

A coñecida como “Festa do Avó” non se celebraba dende hai catro anos, polo que o goberno municipal apostou por retomar unha actividade que serve como mostra de respecto ás persoas maiores do concello

festa-do-avo-1Os xardíns da residencia ponteareá Santa Ana foron testemuña da homenaxe que os maiores e as maiores da vila do Tea recibiron de parte de varios representantes do goberno local, entre os que estaban a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, e o rexedor municipal, Xosé Represas.

Catro anos máis tarde da última “Festa do Avó”, máis de 80 persoas, usuarias da residencia de maiores Santa Ana, do centro de día e socios da Asociación de Maiores de Ponteareas, puideron gozar dunha sesión vespertina con merenda, cea, coloquio e mesmo baile para amenizar unha xornada que rende unha merecida homenaxe ás persoas maiores do municipio.

A concellería de Benestar Social escolleu a véspera do Día de Galicia para organizar un acto no que tamén participaron os traballadores e as traballadoras que acompañan no día a día aos maiores e ás maiores de Ponteareas.