Ponteareas homenaxea o pintor Rogelio Lorenzo

O escritor Manrique Fernández presentará un libro sobre o artista o mércores ás 19.00 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal

 

Ponteareas leva poñendo en valor o traballo creativo de moitos e moitas artistas da vila dende 2018 a través da súa colección “Creadores Ponteareáns”. O pintor Rogelio Lorenzo será o seguinte homenaxeado cun acto este mércores ás 19.00 na sala multiúsos do Auditorio Municipal no que se presentará o libro “Rogelio Lorenzo. Paleta de nove cores”, do escritor Manrique Fernández.

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destaca que “coa publicación deste libro queremos render homenaxe a un extraordinario pintor que, aínda non sendo de Ponteareas, levou sempre a vila no seu corazón, xa que unha das súas primeiras exposicións foi no Centro Artístico Sportivo da vila do Tea con só 11 anos”.

 

Este ano fixéronse 100 anos do nacemento de Rogelio Lorenzo, un pintor que destacou durante a segunda metade do século. XX e que expuxo, con gran éxito de público e crítica, na Sala  Toisón de Madrid, e na I Bienal de Arte Contemporánea Español, celebrada no Museo  Galliera de París. Tamén traballou como profesor Debuxo Artístico na  Escola de  Canteiros de Poio durante 20 anos, deixando unha fonda pegada en varios dos seus alumnos e alumnas.