A concellería de Ensino e Participación Cidadá, que dirixe Cristina Fernández, convida a todas as familias a desfrutar do memorial Henrique Otero, unha homenaxe a este mestre gaiteiro que foi o primeiro profesor de Gaita dos Conservatorios de Galicia a finais dos 70, iniciando a súa docencia no Conservatorio de Vigo de forma oficial aló polo ano 1978 cando o Ministerio de Educación aprobou a implantación da especialidade despois de él mesmo loitar coa Administración. No Conservatorio de Ponteareas polos datos que temos, parece que tamén foi o primeiro profesor de gaita no ano 85/86.
O sábado 4 de maio ás 20:30 horas o auditorio municipal Reveriano Soutullo acollerá esta sentida homenaxe organizada polo conservatorio municipal e que nos ofrecerá un percorrido biográfico pola figura deste mestre gaiteiro a cargo de Charo Guerrero, estudosa desta salientable figura.
A continuación o alumnado do conservatorio de Ponteareas e Torroso (Mos) intrepretarán “Abrente no mar de Vigo”, ao ser o mar a temática preferida de Henrique Otero.
Seguirá a actuación da banda de gaitas Raigames, gaiteiros e gaiteiras que nos anos 80 foron alumnos de Henrique Otero e que hoxe se xuntan cada vez que homenaxean a figura do seu mestre. Pechará a homenaxe a banda de gaitas Tremiñado.