Ponteareas gozará de catro días de fútbol e baloncesto solidario, organizados por Ponte Solidario, en colaboración co Concello de Ponteareas.

Cartel 3x3 SolidarioO xa tradicional torneo de verán 3×3, de fútbol e baloncesto, que organiza a Asociación Ponte Solidario levarase a cabo os días 6, 7, 8 e 9 de agosto na pista deportiva anexa ao Conservatorio de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas, en colaboración coa Concellería de Deportes da vila do Tea.
A Asociación Ponte Solidario levará a cabo un ano máis o “Torneo 3 x 3 de Fútbol e Basket”, buscando reunir de novo a mozos, e non tan novos, en busca de diversión, tendo sempre como trasfondo principal a solidariedade.
Este evento deportivo e solidario terá lugar do 6 ao 9 de agosto, en horario sempre de tarde-noite,  coa posibilidade de participar todo aquel que queira a partir dos 12 anos. A inscrición farase en equipos de 3 a 5 xogadores (poden ser mixtos) e para facela efectiva cómpre achegar unha colaboración solidaria de 2 € por participante, 3 produtos de hixiene e 3 de limpeza por equipo.
Durante catro días poderase gozar deste torneo de fútbol e baloncesto durante o cal, ademais, levaranse a cabo sorteos e haberá a disposición do público unha cantina para que non falten as bebidas frías.
Tal e como apunta a organización, a inscrición de equipos é limitada ata esgotar prazas e o método para formalizar a inscrición é vía whatsapp no 600 58 43 86 ou cubrindo o formulario na web da asociación www.pontesolidario.com/3×3-solidario.

O Concello de Ponteareas, segundo manifesta o edil da área de Deportes, Benito Márquez Castro, síntese moi satisfeito de poder colaborar con todo tipo de iniciativas deportivas que colaboren a fomentar o deporte en todas as idades e, ao mesmo tempo, sexan un acto solidario para axudar a aqueles que máis o necesiten.