Ponteareas firma un convenio de colaboración con AFAGA para abrir un punto de información sobre o alzheimer e outras demencias

O alcalde Xosé Represas e o presidente da asociación Juan Carlos Rodríguez asinan hoxe 8 de xuño o acordo que permite á cidadanía obter máis información sobre este tipo enfermidades un mércores cada quince días no segundo andar do Centro Social da rúa Oriente

A razón deste acordo atende á demanda de información que as veciñas e veciños levan  requirindo sobre o alzheimer e outras demencias desde fai anos e a falta de espazos públicos para que os axentes sociais desenvolvan a súa labor coma a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras enfermidades de Galicia (AFAGA). “Estamos encantados de asinar este convenio de colaboración con AFAGA porque entendemos que xa era necesario atender esta necesidade tan patente no noso Concello. Esperamos  que de aquí en diante esta cooperación se  incremente con outro tipo de accións e achegar así máis este tipo de servizos aos nosos veciños e veciñas que padecen directa ou indirectamente este tipo de enfermidades”, indica o alcalde Xosé Represas.

P1020680_result

A sinatura deste convenio ven a ser un fito, pois o Concello pon a disposición de AFAGA unha sala no segundo andar do Centro Social, sito na rúa Oriente, para que un mércores cada quince días –que xa funciona desde o 1 de xuño- en horario de 17.00 a 19.00 horas poda informar e axudar neste ámbito á veciñanza de Ponteareas e das comarcas de Condado e Paradanta. “Coidamos que Ponteareas é un núcleo coa suficiente relevancia para que os veciños e veciñas desta zona teñan un punto de información sobre o alzheimer e outras demencias”, explica o presidente de AFAGA Juan Carlos Rodríguez. “Calculamos que hai máis de 450 persoas con algún tipo de demencia só en Ponteareas, das cal sobre 300 son de nivel leve e moderado, para as que este tipo de intervencións son moi útiles. Hai que comprender que con este número, hai máis máis de 1000 persoas afectadas directa e indirectamente por estas enfermidades”, prosigue o presidente da asociación.

A posta en marcha deste punto de información está financiada pola Fundación Barrié de la Maza e a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL) dentro do Programa Red Paraguas Alzheimer. Para máis información poden dirixirse á páxina www.afaga.com ou aos teléfonos de atención 986229797 ou 687764463 .