Ponteareas festexa o día grande do Corpus

A vila do Tea terá a súa tradicional misa e posterior procesión atravesando os alfombrados ao mediodía e celebrará o colofón á festa do milleiro de flores coa actuación musical do grupo folk galego Luar na Lubre á noite.

Os festexos seguirán no domingo 29 de maio, día grande do Corpus Christi, pois as previsións meteorolóxicas falan dunha mellora a partir da madrugada.

Ponteareas espertarase coa actuación da Banda de Música Unión de Guláns ás 11.00 horas diante da Casa do Concello, na que o compositor e fillo predilecto Rogelio Groba Groba estreará a peza Marcha das Flores. A este acto asistirán, amais dos membros da Corporación Municipal, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez, a Directora Xeral de Turismo Nava Castro e o Subdelegado do Goberno Antonio Coello. Deseguido, terá lugar ás 11.30 unha misa solemne cantada pola Coral Polifónica do Centro Artístico Sportivo á que lle seguirá a tradicional procesión amenizada pola antedita banda de música.

Xa pola tarde, ás 19.30 comezará a batalla de flores e desfile de carrozas seguidas pola banda de gaitas Tremiñado de Ponteareas. Ao anoitecer, ás 21.30, a orquestra Palladium ofrecerá un primeiro pase ás 21.30 horas na Praza Bugallal.

Luar na Lubre, grupo de folk galego con trinta anos de traxectoria, subirán ao escenario disposto para a ocasión na Praza Maior ás 22.30 horas. Farán un repaso a tantos anos de carreira así como amosarán o novo material de Extra Mundi, coa súa nova vocalista Paula Rey.

A medianoite, a orquestra Palladium tocará de novo na Praza Bugallal o fin de festa con cancións para a troula de todo o público pontearán.

O luns 30, festivo local, na Praza Bugallal haberá actividades de lecer para os nenos e nenas de 11.30 a 14.00 horas. Pola tarde, a partir das 17.00 ata as 21.30 haberá inchables, música e celebrarase a festa da Espuma.

Ás 20.00, haberá unha ofrenda floral no monumento do alfombrista. A continuación, terá lugar ás 20.30 no auditorio municipal o acto de entrega das medallas do Corpus Christi.

Xa, para rematar todos os festexos, por último, actuará na Praza Maior ás 21.30 a orquestra Panorama co seu coñecido espectáculo de luces, bailes e música.