Ponteareas estrea o seu portal de transparencia

A concellería de Novas Tecnoloxías, dirixida por Benito Márquez, pon en marcha unha web destinada a achegar aos veciños toda a información posible relacionada coa xestión municipal

O portal estará dividido en catro grandes áreas: “Orzamentos”, “Indicadores Transparencia Internacional”, “Colabora” e “Destacados”

O obxectivo por parte da concellería é que a totalidade dos 80 indicadores estipulados pola organización Transparencia Internacional estean cubertos ao remate desta lexislatura

portal-transparencia-benitoO Concello de Ponteareas vén de estrear o seu portal de transparencia (http://transparencia.ponteareas.gal/), ao cal xa se pode acceder a través da portada da web municipal (www.ponteareas.gal). A concellería de Novas Tecnoloxías, xestionada por Benito Márquez, continúa dando pasos encamiñados a cumprir un dos puntos do acordo de goberno acadado entre as tres forzas políticas que forman o actual executivo local, neste caso relacionada coa transparencia da xestión municipal.

O novo portal estará dividido en catro grandes áreas: “Orzamentos”, “Indicadores Transparencia Internacional (ITA)”, “Colabora” e “Destacados”.

O primeiro apartado está previsto para a publicación de información detallada, de maneira anual, dos ingresos, dos gastos e do grao de execución dos orzamentos municipais.

No segundo será posible consultar cales dos 80 indicadores estipulados pola organización non gobernamental Transparencia Internacional son cumpridos polo concello. Os puntos marcados por este organismo permiten medir o índice de transparencia das administracións locais.

A área denominada “Colabora” está creada para que os veciños e as veciñas participen da elaboración do propio portal, axudando a melloralo formulando de propostas, ideas e dúbidas que poderán ser tramitadas a través dun formulario de contacto.

Por último, o apartado “Destacados” servirá para comunicar os novos indicadores que se vaian engadindo á sección de “Indicadores Transparencia Internacional”, ademais doutras novas relacionadas coa transparencia do concello.

O obxectivo por parte da concellería de Novas Tecnoloxías e do actual goberno municipal é o de cumprimentar, tal e como sinala Benito Márquez “ao longo dos vindeiros catro anos, a totalidade dos indicadores establecidos por Transparencia Internacional, facendo que Ponteareas pase de ser un dos concellos máis opacos a situarse como unha das referencias en termos de transparencia na xestión municipal”.

O executivo local é plenamente consciente do mal contexto económico que vive o consistorio, con orzamentos prorrogados dende o ano 2010, e das dificultades que se vai atopar para publicar toda a información recollida nos indicadores elaborados por Transparencia Internacional debido á mala organización do mesmo, pero ten o compromiso de traballar arreo para que os veciños e as veciñas da vila coñezan de primeira man como se fai a xestión do diñeiro público por parte dos seus representantes.