Ponteareas estrea o gran evento de música lírica “Tempo de Zarzuela” o vindeiro xoves día 12 de marzo

teresa_alcaldeO Auditorio Reveriano Soutullo acollerá, organizado polo Concello de Ponteareas, un ciclo de zarzuela durante os día 12 e 20 de marzo con entrada gratuíta

O martes pola tarde o Salón de Sesións do Concello de Ponteareas foi o escenario da presentación do ciclo de zarzuela que, baixo o título “Tempo de Zarzuela”, abrirá a programación musical de primavera e que terá como protagonista a música lírica, xénero demandado e moi apreciado por Ponteareas, terra natal do mestre Reveriano Soutullo, que tanto significou e tanto aportou á zarzuela.

O acto que contou coa presenza da soprano Teresa Novoa, foi presentado polo alcalde, Salvador González, e o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro, os cales amosaron a súa satisfacción por poder levar a cabo este gran evento musical en Ponteareas, terra de gran tradición musical natal e onde reside a querida soprano.

Este ciclo de música lírica comezará o vindeiro xoves, día 12 de marzo, ás 20:30 horas, co concerto e representación da famosa zarzuela  “La del manojo de rosas”, sainete lírico en dous actos,  con letra de Anselmo Cuadrado Carreño e Francisco Ramos de Castro e música do mestre  Pablo Sorozábal. Esta obra será semiescenificada e a representación actoral corre a cargo de Anais Fernández, Rodrígo Lomba, Sara  Brites, Roberto A. González, Sergio Macías, Manuel R. Reiriz, Beatriz Feijido, Alberto Abal, Ramón González e varios compoñentes do Coro “A Vila”. A música correrá a cargo da Orquestra Sinfónica do Conservatorio de Música Superior de Vigo, dirixida por Franper Rodríguez.

O ciclo  “Tempo de Zarzuela” clausurarase o día 20 de marzo, ás 21 horas,  co concerto da soprano ponteareá Teresa Novoa, que estará acompañada da Banda de Música de Valladares, dirixida por José Rodríguez, e composta por 54 compoñentes. A maxistral soprano Teresa Novoa interpretará diversas romanzas de Zarzuela, entre as que se poden destacar  La Hija de Zebedeo, el Chotis de la Gran Vía ou fragmentos da Verbena de la Paloma ou o Barberillo de Lavapiés, entre outras.

A ponteareá Teresa Novoa é unha recoñecida soprano a nivel nacional, abranguendo o seu repertorio de concerto desde  o barroco ao contemporáneo, pasando por estilos como a canción española, francesa ou o lied. Durante a súa carreira perfeccionou estudos de canto con Montserrat Caballé, Jaume Aragall, Danielle Ferro, Ileana Cotrubas, Ian Baar, Félix Lavilla e  Miguel Zanetti, entre outros. A súa excelencia levouna a cantar nos mellores teatros nacionais como: Teatro de la Zarzuela, Auditorio Nacional e Teatro Monumental de Madrid, Teatro Campoamor de Oviedo, Teatro Arriaga de Bilbao, Teatro Villamarta de Jerez, Palacio de Festivales de Cantabria, Palau de la Música de Valencia, Teatro Calderón de Málaga ou Palacio de la Ópera da Coruña, entre outros. Actuou tamén en moitos lugares do estranxeiro como en Arxentina, Venezuela, Brasil, Italia, Francia, Alemaña, a  ex-Iugoslavia  e  Portugal. Estivo dirixida por grandes mestres como Peter Maag, Victor Pablo Pérez, Enrique García Asensio, Ros Marbà, Miguel Roa, Miguel Ortega, Enrique Ricci, Tulio Galiardo, Miguel Groba, Moreno Buendía, Xoán Trillo, Luis Malheiro, Marcel Van Bree, Fernando V. Arias, Iminas Kuchisnkas, Ferreira Lobo, Carlos Riazuelo, Pilar de la Vega, Antonio Palau e moitos outros. Teresa Novoa foi profesora da Escola Superior de Canto de Madrid, unha das escolas máis prestixiosas de Europa e na actualidade continúa coa súa actividade docente como profesora de canto do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Ademais, deste ciclo de música lírica, a Concellería de Cultura, coa finalidade de difundir todo tipo de xénero musical, programa para vindeiras datas un ciclo de música sacra co gallo da Semana Santa e que se celebrará na igrexa parroquial.