Ponteareas estará presente no Consello Autonómico de participación infantil e xuvenil

Ponteareas estará presente no Consello Autonómico de participación infantil e xuvenil

Juan Vázquez, integrante de ‘Mentes Novas’, será a voz da infancia e da mocidade ponteareá

O Concello de Ponteareas estará presente no Consello Autonómico de participación infantil e xuvenil. Juan Vázquez, estudante do CPR La Inmaculada e integrante do grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas ‘Mentes Novas’, dará voz á vila na sesión de constitución deste consello, un órgano que busca artellar a intervención de nenos, nenas e mocidade nun espazo para que se exprese, propoñan ideas e tomen decisións.

Esta iniciativa é o resultado dos esforzos realizados por parte de UNICEF e de todos os concello que contan co selo de ‘Cidades Amigas da Infancia’, como Ponteareas, por contar en Galicia cun grupo autonómico de participación infantil e xuvenil. A súa creación foi aprobada por decreto e recoñece o protagonismo social das nenas, nenos e adolescentes e o seu dereito a ser escoitadas e escoitados nos asuntos que lles afectan.

Para a alcaldesa, Cristina Fernández, é “un orgullo ver o traballo que están a desenvolver dende ‘Mentes Novas’ para dar voz e voto á infancia e á mocidade da nosa vila en todos os foros nos que temos a oportunidade de facelo”. A rexedora salientou que a súa participación en iniciativas como o Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil é “unha grande oportunidade de escoitar e aprender dos nosos cativos e cativas para as persoas que traballamos nas institucións públicas”.

O grupo estará formado por 30 representantes infantís e xuvenís de toda Galicia, que se reunirán o vindeiro venres 21 de abril na Cidade da Cultura de Galicia para dar comezo á súa actividade.

A participación no Consello é unha mostra máis da importancia que ten para o Concello de Ponteareas a infancia. A vila está recoñecida dende hai dous anos como Cidade Amiga da Infancia polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e Unicef España. Trátase dun recoñecemento ao exercicio de responsabilidade feito polo Goberno municipal para poñer no centro das decisión políticas a un grupo de poboación que é presente e futuro da sociedade.