O CEIP Feliciano Barrera coproducirá un programa audiovisual con outro colexio de Galway que busca potenciar o uso das linguas galega e gaélica
O alcalde ponteareán, Xosé Represas, e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández participaron no saúdo que os mestres e os alumnos do colexio gravaron para presentarse aos cidadáns de Galway
A vila de Ponteareas e a cidade irlandesa de Galway veñen de iniciar un proxecto para irmandar aos dous municipios e cuxo principal obxectivo é o de potenciar a utilización de dúas linguas minoritarias en Europa como son a galega e a gaélica.
A canle a través da cal se creará este vínculo será a educativa, grazas a un programa audiovisual no que participarán os alumnos do CEIP Feliciano Barrera de Ponteareas e os alumnos dun centro educativo da cidade irlandesa. Os únicos idiomas utilizados neste programa serán o galego e máis o gaélico, de xeito que o propio traballo sirva como canal de divulgación de ámbalas dúas linguas e, asemade, fomente a súa utilización.
A duración do programa será de cinco minutos e os dous centros educativos teñen o propósito de que se emita, diariamente, nas canles de televisión TVG, a televisión pública de Galicia, e na TG4, unha canle pública de televisión irlandesa que emite os seus contidos en lingúa gaélica.
Unha das primeiras accións deste irmandamento foi a presentación formal que a vila de Ponteareas realizou para darse a coñecer entre os cidadáns de Galway. Tanto Xosé Represas como Cristina Fernández acompañaron aos 111 alumnos e aos 13 mestres do CEIP Feliciano Barrera no saúdo que estes gravaron, primeiro en galego e despois en gaélico, para enviar ao colexio da cidade de Galway.
Trátase dun proxecto que axudará a difundir unha boa parte do patrimonio cultural de Ponteareas e que permitirá espallar un pouco máis a lingua galega polo país irlandés.