Ponteareas esixe á Xunta de Galicia que cubra a praza de pediatra vacante no centro de saúde

A concelleira de Sanidade, Vanesa Fernández, ven de remitir unha solicitude á Consellería de Sanidade da Xunta de Galcia para esixirlle que repoña esa vancante “de xeito inmediato”. A concelleira lembroulle, unha vez máis á Xunta de Galicia, as deficiencias que se producen a diario no Centro de Saúde, e as demandas dos facultativos do centro. Para a concelleira de sanidade a Xunta de Galicia ten a obriga de asegurar o equilibrio territorial no acceso a prestacións e servizos sanitarios seguros, efectivos e eficientes.

Dende o Concello de Ponteareas levan anos reclamando unha segunda ambulancia de noite, a optimización do equipo de raios cun técnico polas tardes para o seu uso e a mellora de accesibilidade ao centro.

Médicos de familia atendendo atendendo aos seus pacientes, mais as urxencias e unha boa parte do cupo dos médicos que están de baixa é unha práctica habitual que sufre a diario o persoal do centro de saúde de Ponteareas, segundo explica o responsable do centro. “Moitos médicos do turno de mañá teñen que facer catro horas de tarde se algún dos médicos dese turno está de baixa. 

O cansanzo acumulado súplese coa profesionalidade de todo o persoal pero non é un escenario que debemos consentir máis tempo”.

A gran cantidade de pacientes que se atenden no centro de saúde viuse incrementada pola falta de pediatra nos concellos de Mondariz e Covelo. “Estes nenos e nenas, arredor de 900, que teñen que desprazarse ata Ponteareas para ser atendidos por un pediatra, teñen dereito a unha boa atención sanitaria, que pasa indiscutiblemente por un incremento da plantilla de facultativos. Non é comprensible que incrementando a carga de traballo non se incremente o persoal”, afirma Vanesa Fernández, concelleira de sanidade.

Na actualidade, o servizo de pediatría atende a 3.500 ponteareás de 0 a 14 anos.