Ponteareas, en nivel alto de restricións dende o luns ante o desbocado aumento de contaxios

A localidade supera a incidencia acumulada de 200 a catorce días

O subcomité clínico da Xunta de Galicia, vén de decidir un novo aumento do nivel de restricións en Ponteareas, que ascende de medio a alto ante o desbocado aumento de novos casos positivos de COVID-19 na localidade que se ven producindo dende a festividade da Semana Santa.

O número de casos activos en Ponteareas alcanzou este venres os 50, o que implica superar amplamente os 200 de incidencia acumulada a 14 días.

Entre outras cuestións, este aumento de contaxios suporá dende o luns a prohibición do consumo no interior da hostalaría, así como unha limitación ao 50% das mesas permitidas nas terrazas ao aire libre. Continúa permitíndose a mobilidade entre concellos, agás o acceso aos que contan con restrición máxima. As competicións deportivas, teatros ou auditorios desenvolveranse co 30% da súa capacidade máxima permitida.

“Cómpre pór o foco no ámbito privado e o uso de máscara. As restricións limitan a permanencia de grupos de persoas non conviventes a un máximo de catro persoas en espazos pechados e de seis persoas ao aire libre. A relaxación no ámbito privado non só pon en risco as persoas coas que compartimos espazos, senón que afecta gravemente ao sector económico con maior incidencia na nosa vila, que ten que sufrir novamente as consecuencias das restricións que impón a Xunta cando na súa ampla maioría están pondo todo da súa parte para que non se produzan contaxios nos seus locais comerciais”, sinalou a alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila.

Todas as medidas de prevención específicas para o nivel de restricións no que entrará Ponteareas poden consultarse na seguinte ligazón: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Nivel-Restricion-Alta