Ponteareas en contra do peche de unidades educativas nos centros de ensino do concello

A concellería de Educación informa da preocupación dos centros escolares e ANPAs ante a supresión de unidades

A comunidade educativa solicita que a Xunta teña en conta as medidas de distanciamento e hixiene sanitarias no novo curso

A concellería de Educación, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fdz Davila, solicita á Xunta de Galicia que deixe de pechar unidades educativas nos centros escolares de Ponteareas sendo hoxe, máis ca nunca, imprescindible aulas menos numerosas que garantan non só a calidade dun ensino máis persoalizado se non tamén as normas de distanciamento e seguridade sanitaria.

Nos últimos consellos escolares celebrados con motivo do fin do curso, os centros puxeron enriba da mesa a supresión de varias unidades educativas derivando forzosamente alumnado a outros centros.

A ANPA e direccións destes Centros, manifestaron a súa preocupación polos derroteiros que toma a situación dos seus centros cun peche constante de unidades ano tras ano que despois, como no caso do Fermín Bouza Brey neste curso, ainda que volvan recuperar alumnado a administración non volta a desdobrar aulas, se non que volta a desviar alumnado a outros colexios, case sempre concertados

Cristina Fdz Davila explica que “este é o momento para recuperar unhas ratios sostibles para o alumnado e profesorado en relación cos espazos existentes nas instalacións dos centros da vila”. Fernánde engade que neste intre por mor do COVID-19 é máis que xustificable que as ratios podan ser menores sobre todo en aqueles cursos que os centros poden desdobrar por cuestión de espazo físico.

Coñecedora da fonda preocupación das ANPAS de Ponteareas e da FANPO, Cristina Fernández esixe á Xunta que blinde a seguridade do alumnado e ofrécelle toda a colaboración dende a concellería que dirixe para que se tomen as decisións máis axeitadas e claras posibles.

A concelleira recórdalle á Xunta os tempos nos que Ponteareas convivíu con centros masificados e a responsabilidade que ten agora na mellora das condicións ao ter competencias plenas en materia de Ensino. “Agora teñen nas súas mans non só a calidade formativa da infancia e da mocidade, tamén a súa saúde. En tempos nos que faltan vacinas e nos que as medidas de distanciamento interpersoal e hixiénicas son fundamentais para esquivar a pandemia”.

Nos últimos consellos escolares os centros educativos informaron da supresión das seguintes unidades educativas:

CEIP Nosa Sra dos Remedios solicita tres unidades en 2º de Primaria a fin de poder poder atender debidamente a un alumnado que arrancaba a ler, xusto no momento do confinamento e dous deles con NEE (un con coidadora). No colexio hai espazo suficiente para as tres unidades xa que as tiñan en 6º durante este curso. Seguirían con liña 3, coma sempre, e poderíase ofertar no futuro as mesmas prazas que ata o de agora. De non facelo así, calquera traslado de matrícula que chegue durante o curso escolar incrementaría a ratio. A día de hoxe teñen confirmadas tan só dúas aulas para 2º de primaria.

CEIP Fermín Bouza Brey, con 26 alumnos/as, se despraza un deles a outro centro educativo quedando na aula 25 nenos/as de 3 anos. Neste intre habería outra nova solicitude por desprazamento dunha familia dende outra localidade.

CEIP Feliciano Barrera, unificación de 1º e 2º de primaria nunha soa aula pequena ao borde do límite de 20 alumnos por aula mixta.