
Os traballos, promovidos pola concellaría de Vías, Obras e Alumeado, foron cofinanciados ao 80% polo IDAE
Cun aforro enerxético do 69%, a remodelación do alumeado beneficia ás e aos 2.696 habitantes de Guláns, Cristiñade, Nogueira, Angoares e Moreira
As parroquias de Ponteareas desfrutan pouco a pouco dun novo sistema de alumeado público exterior. Ao abeiro do proxecto de remodelación destas instalacións municipais, o Concello xa rematou a substitución e renovación dos 30 cadros de mando e de case 1.600 puntos nas parroquias de Guláns, Cristiñade, Nogueira, Angoares e Moreira que dan 4.104 horas de luz ao ano. Case o 82% destas luminarias presentaban un estado deficiente debido ao alto grao de deterioro, á suciedade e á súa antigüidade.
Unha mellora que, como salienta a concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote, “amosan a aposta continua polo rural que vimos facendo dende o Goberno local do BNG-PSOE, tamén no alumeado, xa que cando iniciamos o proxecto de remodelación das luminarias públicas consideramos prioritario comezar polas parroquias”.
A renovación do alumeado nestas cinco parroquias beneficia ás e aos seus 2.696 habitantes, mellorando o aforro enerxético e a seguridade cidadá en todas elas. O proxecto foi cofinanciado ao 80% por fondos do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
O proxecto de renovación das instalacións de alumeado exterior municipal na Zona Rural 3 supuxo un investimento de 829.445 euros cofinanciados con 663.556 euros ao abeiro da liña de axudas a proxectos de Economía Baixa en Carbono, promovidos por entidades locais, cofinanciada con fondos FEDER e xestionada polo IDAE co obxectivo de conseguir unha economía máis limpa e sostible.
A renovación nestas cinco parroquias ponteareás, como explica a alcaldesa, Cristina Fernández, “permitirá un aforro do 69% na emisión de CO2, emitindo ata tres veces menos toneladas de CO2 ao ano, así como un aforro económico do 67% ao Concello no investimento en enerxía, ademais de mellorar a seguridade cidadá para circular polas rúas en horas nas que xa non hai luz natural”.
