Ponteareas elaborará un Plan de Convivencia e Civismo para mellorar a calidade de vida

O Concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, anunciou a o inicio dos traballos de elaboración dun Plan Convivencia e Civismo dirixido a garantir o respecto ás normas cívicas e de convivencia que deben rexer a relación entre as persoas e o uso dos espazos públicos en Ponteareas.

Mera sinalou que “neste mandato estamos decididos a abordar dunha vez os numerosos problemas de convivencia e de condutas incívicas que afectan á calidade de vida, a seguridade e a saúde dos ponteareáns, algúns deles incluso propiciados ou consentidos durante décadas polo propio Concello coa súa acción ou coa súa pasividade”.

O edil nacionalista citou entre outros exemplos “a falta de respecto ao dereito ao descanso, con ruidos en locais e en eventos ao aire libre até altísimas horas da madrugada; a suxedade nas rúas con excrementos de cans, cabichas e todo tipo de residuos; o descontrol con cans potencialmente perigosos que circulan sen bozos nin correas, o abandono de baixos lóbregos convertidos en esterqueiras, a condución a velocidade excesiva polas rúas da vila, o estacionamento de vehículos en pasos de peóns ou en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, etc.”

Roberto Mera asegura que “o noso obxectivo é protexer á maioría da poboación que sufre esas condutas e erradicar eses comportamentos dunha minoría, primeiro pola vía da concienciación e das alternativas, e despois, se é necesario, pola vía punitiva con sancións”.

O Plan de Convivencia e Civismo contempla unha primeira fase de diagnose da situación na que se recabará información sobre os problemas de convivencia, quen os provoca, a quen e como afecta, onde, porqué e cando se producen eses problemas, se a falta de resposta municipal se debe á ausencia de normativa, de medios materiais e humanos ou á simple desidia ou desorganización.

Para o traballo de diagnose Mera porá en marcha un proceso participativo e manterá reunións coa veciñanza das diferentes zonas da vila e colectivos sociais,. Ademais manterá reunións de traballo cos departamentos encargados de actuar fronte aos problemas de convivencia, especialmente a Policía Local. Analizaranse tamén todas as ordenanzas e regulamentos municipais para a súa actualización porque, segundo Mera, están en moitos casos desfasadas. O edil cita como exemplo que “en Ponteareas deixar excrementos de can nas rúas está castigado con 30 euros mentres noutros lugares a sanción é de 750 a 1.500 euros. Os infractores teñen que saber que deben mudar as súas condutas porque en breve terán consecuencias importantes” sinalou o concelleiro.

Mera prevé que o Plan estea listo a finais de ano para comezar a aplicar as medidas en 2020, aínda que algunhas urxentes poderanse ir executando xa en 2019.