Os días 11 e 12 de xuño son os escollidos por ámbolos dous concellos para celebrar a primeira edición de MOTEA

Bautista, Lago, Fernández e Montes Bugarín na reunión do pasado mércores
O sábado 11 de xuño e o domingo 12 de xuño son as datas que xa están marcadas no calendario para celebrar a primeira edición de MOTEA, unha concentración moteira pensada para todos os afeccionados a este tipo de vehículos que se organiza de maneira conxunta polo concellos de Ponteareas e Mondariz.
O encontro no que se comezaron a definir as liñas desta concentración tivo lugar o pasado mércores, 20 de xaneiro, no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, e contou coa presenza dos edís ponteareáns de Comercio, Hostalería e Consumo, Mario Lago; de Cultura, Hortensia Bautista; de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández; e do alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín.
O plan previsto contempla o inicio da actividade o sábado 11 de xuño pola tarde, cunha pequena ruta entre os dous municipios na que os moteiros poderán coñecer varios lugares emblemáticos dos mesmos, como o Castro de Troña ou o Castelo do Sobroso. A ruta daría comezo en Ponteareas, tería unha parada aproximada de 2 horas e Mondariz e volvería a Ponteareas contra a noite.
Unha vez de volta na vila do Tea, será posible gozar dun concerto no Parque da Feira Vella. Ademais, todas aquelas persoas que decidan achegarse coas súas respectivas motos terán a oportunidade de acampar e pasar a noite nalgún recinto municipal do casco urbano. O Concello xa está xestionando esta cuestión.
Mario Lago salientou “a participación da Asociación de Hostalería e Turismo de Ponteareas, de Ponteareas Comercial e da Asociación de Comerciantes Tea na organización dun evento que poder repercutir moi positivamente en moitos establecementos da vila”. O edil tamén quixo agradecer “a colaboración do club moteiro Vulcan Kawasaki, pois sen o seu asesoramento sería imposible empezar a deseñar unha cita que o goberno local tiña na cabeza dende hai algún tempo”.
Xoán Carlos Montes Bugarín fixo especial mención “á colaboración entre as dúas administracións, clave para organizar eventos deste tipo”.