
dav
Ponteareas e a cidade portuguesa de Braga estreitan lazos e consolidan a súa colaboración na promoción da Semana Santa de Braga e das alfombras florais do Corpus, así quedou reflexado no encontro mantido onte na cidade portuguesa entre D. Altino Bessa, vereador de Turismo, e o alcalde de Ponteareas, D. Xosé Represas.
Por segundo ano consecutivo o goberno ponteareán fai posible que nun dos puntos máis concurridos de Braga se poida apreciar unha mostra das alfombras florais de Ponteareas o vindeiro xoves día 18 de abril.
Para afianzar a relación que comezou o ano pasado co agasallo dunha alfombra floral que se ubicou nun dos tramos da procesion de Semana Santa de Braga, Represas e Bessa acordan que a nosa arte floral volva ter presenza nas súas celebracións pero esta vez nun punto máis vistoso e de maior importancia.
Deste xeito e en colaboración coas e cos alfombristas de Ponteareas, na contorna do punto de información turística de Braga, no cruce entre a avenida da Liberdade e a avenida Largo de Barao de San Martinho Ponteareas confeccionará unha alfombra circular de sete metros de diámetro.
Represas explica que o obxectivo é posicionar as alfombras florais de Corpus nun punto estratéxico de moito tránsito de visitantes enmarcadas na celebración dunhas festas que atraen a milleiros de turistas.
Con esta nova acción de promoción Braga e Ponteareas avanzan na difusión do concepto do turismo espiritual, xa destacado durante a celebración do I coloquio de patrimonio interncional “O patrimonio etnográfico” no que expertos en turismo e invesigadores coincidiron no potencial deste tipo de oferta cultural.
Ubicada nun dos tramos da procesión, na alfombra floral de Ponteareas poderán atopar información da oferta turística da nosa vila e das celebracións do Corpus Christi.
O vereador de Turismo de Braga Don Altino Bessa adianta a importancia que ten estreitar a relación con Ponteareas ao ser tamén un potencial foco de turistas que se achegan cada ano a desfrutar da súa Semana Santa.
Para Don Altino Bessa, “a crecente difusión da Semana Santa nos medios e cidades máis variadas do noso país veciño é de grande importancia para que poidamos aumentar de xeito crecente a demanda da nosa cidade como destino turístico de excelencia”.