Ponteareas destina case 50.000 euros ao IV plan de igualdade

O Concello de Ponteareas adxudicou a execución do Plan de Igualdade por un importe de 48.800 euros, financiado pola Unión Europea dentro da estratexia “Ponteareas Habitat Saudable” e que financiará parte das actividades correspondentes a este ano do IV Plan de Igualdade do concello de Ponteareas.

O Plan de Igualdade foi aprobado polo Pleno o pasado ano e nel contémplanse varias liñas de actuación. Entre estas actuacións figuran o “fomento da equidade de xénero”, por outra o “empoderamento persoal e colectivo” e actividades de educación afectivo-sexual entre o alumnado da ESO.

A empresa adxudicataria deberá agora realizar un total de dez actuacións que incluen obradoiros de alfabetización dixital e de busca de emprego para mulleres desempregadas así como de creación de pequenas empresas no rural, para rematar coa discriminación no ámbito sociolaboral.

Para o goberno local unha das medidas de máis interese é a referida ao fomento da equidade de xénero entre a poboación adolescente. Os diferentes estudos existentes revelan que os comportamentos machistas se continúan reproducindo e manifestando nas xeracións máis novas. Daí que o equipo encargado de executar o plan de igualdade iniciara xa os contactos cos centros de educación secundaria da localidade para por en marcha accións educativas relativas á influenza dos roles de xénero e estereotipos.

O alcalde de Ponteareas Xosé Represas considerou “fundamental a educación nos valores da igualdade de xénero para acadar un concello máis igualitario e erradicar o machismo da nosa sociedade desde a súa raíz. Hai que denunciar a violencia machista, pero se queremos acabar con esta lacra a solución está na educación”.

Respecto á alfabetización dixital preténdese achegar ás mulleres as novas tecnoloxías e habilidades básicas para que poidan empregalas na procura de novas oportunidades sociais e económicas.

As accións deste IV Plan de Igualdade vanse desenvolver até o mes de setembro.