Ponteareas despediu un mes de setembro cheo de cultura e lecer

 

A programación das Festas da vila do Tea encheu as rúas de música, de deporte, de maxia e de xogos para os máis pequenos e pequenas

 

Ponteareas despediu a pasada fin de semana as Festas de Setembro, unha programación que encheu as rúas da vila con máis de 30 propostas culturais e deportivas para todos os públicos.  O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, quere destacar “o éxito” dun mes “no que desfrutamos dunha ampla, variada e segura programación cultural e de lecer”. “No Concello tiñamos o obxectivo de manter nas rúas a actividade do verán, e conseguímolo levando ademais os eventos a diferentes espazos do núcleo urbano”, afirma. Desta maneira, en palabras do edil, Ponteareas continúa a reactivar a súa cultura e tamén a súa economía.

 

A música tivo un especial protagonismo durante as Festas de Setembro con máis dunha ducia de concertos. Pasaron polo escenario Tanxugueiras, Grupo América, Broken Peach, Pelepau, O Sonoro Maxín, Milladoiro, Tania Veiras ou Boyanka Kostova, así como as agrupacións locais Voces de Arrieiro e as Bandas de Música do municipio. Un espazo moi importante ocupouno a música folclórica coa 34ª edición do Festival Folclórico do Condado, o LIV Concurso de Gaitas do País ou o Festival Internacional Algazara Danzando entre Culturas.

 

A protagonista das actividades deportivas foi a Volta Ciclista a Galicia, que fixo gozar a Ponteareas de dúas xornadas de ciclismo acollendo as primeiras etapas. Así mesmo, celebráronse con éxito o Trofeo Ciclista Festas de Setembro – GP Borja Gómez Méndez, o Trofeo Festas de Setembro de fútbol, que enfrontou a SD Juvenil e Coruxo FC, o XII Torneo de Tenis Concello de Ponteareas e a Clásica Álvaro Pino, a marcha cicloturista recuperada tras cinco anos de parada. O concelleiro quixo aproveitar o balance para “agradecer e felicitar ás persoas organizadoras polo bo desenvolvemento de todas estas probas deportivas, que en conxunto sumaron preto dun milleiro de participantes”.

 

Ademais da música e o deporte, completaron a programación a maxia, os espectáculos infantís e de animación de rúa e o tradicional lanzamento dos globos de San Miguel. A celebración destas Festas contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da AGADIC, a través dos programas Musigal e Cultura no Camiño respectivamente.