Ponteareas declárase vila acolledora de refuxiados

C-Q55A9717O Pleno do Concello aprobou onte a declaración de Ponteareas como vila acolledora de persoas refuxiadas. O acordo implica a creación dun rexistro de familias acolledoras e o estudo para crear unha partida económica para axudar aos refuxiados que se podan instalar en Ponteareas.

A sesión plenaria serviu tamén para aprobar os festivos locais para 2016 que serán o 30 de maio (luns posterior ao Corpus Christi) e o 29 de setembro (día de San Miguel).

Ademais aprobouse unha moción instando á Xunta de Galicia a declarar gratuíto o aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro e a mellorar a rede de transporte ao novo hospital, entre outras propostas. Acordouse asimesmo pedir a revocadura da concesión deste hospital por non corresponderse co proxecto inicial e esixir que o centro sexa 100% público.

Ademais, o Pleno aprobou os proxectos que permitirán continuar coas obras de mellora no Mercado Municipal; construír un muro de sostemento na estrada municipal que comunica ao barrio de Cillarga, na parroquia de Ribadetea; rematar os traballos de acondicionamento das oficinas do concello; e mellorar a sinalización do seu patrimonio cultural a través do proxecto Igrexas de Galicia.

Aprobouse asimesmo a modificación dunha ordenanza fiscal que permitirá que a partir do 1 de xaneiro de 2016 as taxas de venda ambulante se paguen trimestralmente en lugar de semestralmente.

A moción na que se reclamaba á Xunta de Galicia asumir a xestión da Estación de Autobuses e devolver ao Concello uns 200.000 euros non puido ser debatida ao retirarse do Pleno os grupos do PP e ACIP alegando que eran as 12 da noite. O goberno lamentou este comportamento “duns concelleiros que cobran por vir aos Plenos. Non é a primeira vez que un pleno se prolonga máis alá da medianoite. Entendemos que os dous grupos teñen responsabilidade na desfeita económica que supuxo a estación de autobuses para Ponteareas, pero por respecto aos seus votantes e aos ponteareáns deberían cumprir coas súas obrigas como membros da Corporación”.