Ponteareas de cor rosa con motivo do vindeiro Día Mundial Contra o Cancro de Mama

A concellaría de Saúde, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, e a asociación de Cancro de Mama Pilar Domingo convidan a toda a cidadanía a amosar o seu apoio a todas as mulleres que padecen esta enfermidade.
 
Con  motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama que será o vindeiro día 19 de outubro, a casa do concello lucirá un lazo de cor rosa que nos recordará a necesidade de seguir investigando e investindo fondos na loita contra esta enfermidade.
 
En Ponteareas a Asociación Cancro de Mama Pilar Domingo ofrece asesoramento, información e apoio a través de obradoiros, terapias e diversas actividades coas que facer mellor o día a día das familias que conviven ou conviviron con esta doenza. As persoas interesadas en contactar coa asociación poden facelo no número de teléfono 617 33 01 71.
 
Cristina F. Davila explica que este ano, por mor das medidas COVID-19, non se poderán realizar as actividades de concienciación e visibilización que de costume se realizaban pero  quere trasladar unha mensaxe de ánimo a todas as familias e manifesta a importancia de non perder os folgos e apostar pola investigación e pola prevención para atopar solucións a tempo.
 
Segundo o observatorioi do cancro da Asociación Española contra o Cancro de Mama (AECC) en España diagnosticáronse 33.307 novos casos no 2019, o que representa algo máis do 30% de todos os tumores do sexo feminino. O maior número total de diagnósticos atópase nas mulleres na franxa dos 45-65 anos, pero a partir dos 75 anos, co envellecemento, aumenta o  número de mulleres diagnosticadas.