Ponteareas da un paso firme para instaurar a normalidade e a igualdade de xénero

dav

A concellería de Benestar Social e Igualdade pon en marcha os cursos de linguaxe inclusiva dirixidos a funcionariado, persoal laboral e  Corporación

Ponteareas da un paso máis para acadar a igualdade e a normalidade, así o resume a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, que puxo en marcha os cursos de linguaxe inclusiva programados no plan de igualdade e desenvoltos no marco da estratexia EDUSI financiada cos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e con fondos propios.

Ao longo do mes de decembro o funcionariado, o persoal laboral e a Corporación poderán participar nas clases de linguaxe inclusivo que buscan detectar erros cotidiás e aportar solucións aos mesmos co propostas e exemplos que farán que a sociedade avance e desterrarán tratamentos pouco axeitados herdados da sociedade patriarcal. 

O concello de Ponteareas primará a alternancia de xéneros sen excluir ningún e dando visibilidade aos dous na documentación, instancias, solicitudes e tamén no trato ás persoas. “Buscaremos a igualdade e para iso é imprescindible dar visibilidade a mulleres e a homes e adaptar sempre a nosa comunicación á maioría ou ao colectivo que temos diante”, explica Verónica Carrera que adianta que a igualdade é cousa de todas e de todos, do conxunto da sociedade.

Un dos primeiros pasos, froito da xornada celebrada onte no salón de plenos, será solicitar o cambio no nome do “pacto dos alcaldes” que para Ponteareas debería ser “pacto das alcaldías”.

Nos cursos as participantes e os participantes debaten sobre cuestións diarias tan arraigadas que non apreciamos pero que discriminan. A partir de agora Ponteareas afronta unha renovación que conta co apoio de todas e todos conscientes desas barreiras invisibles que ocultan ao 50% da poboación, ás mulleres.

Exemplos como “o solicitante…” pasará a ser “a persoa solicitante”para evitar prácticas discriminatorias a través da utilizacion do idioma non igualitaria para ámbolos sexos. O emprego de abtractos como “a dirección” substituirá o común “o director…” para marcar a atención nas funcións que se denotan e non nas persoas que as realizan.

O masculino como falso xenérico deixará de ser unha realidade e pasarase a empregar tamén o uso das barras “as propietarios e os propietarios” e abandonaremos esa pereza na escrita e na lectura que prolongaba mensaxes herdadas dunha sociedade antropocéntrica.

Tamén se facilitarán recursos para as comunicacións informais e as nosas concelleiras e os nosos concelleiros darán exemplo de que todas e todos xuntos desenmascararemos actitudes que deben deixar de ser presente.

Pero o curso de linguaxe inclusiva foi máis aló. Verónica Carrera explica que a formación tamén avanzou no sexismo social e no uso non sexista da imaxe nos medios de comunicación e ofrecéronse ferramentas e manuais para facilitar o traballo diario do funcionariado e das persoas en xeral.