Ponteareas dá luz verde ao Ciclo Integral da Auga, que garante investimentos millonarios en saneamento no rural

Ponteareas suma as súas vivendas de emerxencia como recurso social coa aprobación do novo regulamento

O pleno aprobou de forma definitiva o anteproxecto de explotación do servizo

O pleno aprobou de forma definitiva o anteproxecto de explotación do Ciclo Integral da Auga de Ponteareas para o servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración da vila, unha nova concesión que reportará grandes beneficios para o municipio. “A empresa concesionaria deberá investir en mellorar e ampliar as infraestruturas que, xunto á ampliación da depuradora, permitirán que o saneamento chegue a esas 19 parroquias que aínda non o teñen”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández.

Como recolle o anteproxecto, a concesión será a 20 anos, fronte aos máis de 30 do período anterior e a empresa que acade o contrato deberá pagar un canon de máis de 1,3 millóns de euros, fronte aos 150.000 da concesión anterior. Ademais, un dos aspectos máis importantes da contratación do servizo será que as empresas deberán ofertar investimentos en obras de saneamento e abastecemento no rural por un mínimo de 1,6 millóns e ata un máximo de 7,7 millóns de euros. Na concesión anterior o Concello non recibiu ningún investimento.

O Concello xa ten redactado un plan director de saneamento que determina tecnicamente todo o que hai que facer en cada parroquia que se suma á ampliación da depuradora da Moscadeira co maior investimento económico da historia de Ponteareas, 14 millóns de euros, unha ampliación sen a que a Confederación tiña prohibido facer novas obras de saneamento.

Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade unha modificación do expediente de contratación de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para, entre outras cuestións, modificar a duración do contrato a un ano con posibilidade de prórroga por 12 meses ata un máximo de 4 anos. Ademais, tamén aprobou con todos os votos a favor instar de novo á Xunta de Galicia a poñer en marcha axudas económicas para paliar os danos millonarios causados polas inundacións do pasado Nadal, que afectaron a milleiros de instalacións públicas e privadas.