Ponteareas creará un regulamento interno de acción voluntaria

O documento será presentado pola Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade no pleno ordinario do mes de abril

 
volunteers-601662_960_720Verónica Carrera, edil de Benestar Social, Igualdade e Mocidade do Concello de Ponteareas, presnetará no pleno ordinario do vindeiro martes, 19 de abril, unha proposta de aprobación dun regulamento interno de acción voluntaria que “permita normativizar todas aquelas iniciativas que o Concello desenvolva como entidade de acción voluntaria”.

 

O Concello de Ponteareas “leva anos dado de alta como entidade de acción voluntaria e pensamos que a posbilidade que isto ofrece para desenvolver distintos tipos de programas de voluntariado debe ser aproveitada, por iso levaremos a pleno este regulamento”, sinalou Carrera, quen tamén apunta que “temos prevista unha partida nos orzamnetos de 2016 para atender os gastos derivados da posta en marcha deste tipo de iniciativas”.

 

A aprobación por parte da corporación local deste regulamento “posibilitará delimitar claramente, entre outras cuestións, cales son os ámbitos de actuación nos que se poderán desenvolver este tipo de programas por parte do Concello, así como os dereitos e os deberes de todas aquelas persoas que, de xeito solidario, desexen participar como voluntarias dos mesmos”.

 

Carrera rematou lembrando que “este regulamento é distinto daquel que regula o voluntariado de Protección Civil, o cal está baseado noutra normativa”, ao tempo que garantiu que “os programas de voluntariado non substituirán as actividades e traballos remunerados”. Carrera tamén adiantou que “unha vez o regulamento estea aprobado, comezaremos a traballar en programas de voluntariado medioambiental, social e cultural”.