Ponteareas crea un servizo de baleirado de fosas sépticas no rural sen saneamento

O Concello de Ponteareas disporá dun servizo de baleirado de fosas sépticas nas parroquias que carecen de saneamento municipal. O servizo estará subvencionado de maneira que se reducirá considerablemente o seu custo para os usuarios. Para esa finalidade, o Pleno do Concello celebrado esta semana acordou destinar 55.000 euros do presuposto. Segundo os datos do Concello, actualmente uns 8.000 veciños e veciñas carecen aínda de saneamento en Ponteareas.

Segundo explicou o Alcalde Xosé Represas, a medida persigue rematar coa discriminación que sofre a veciñanza sen saneamento. “Ademais de non contar con ese servizo básico vense obrigados a gastar cartos no baleirado. Co servizo que nós creamos os veciños que pidan o servizo pagarán unha taxa do mesmo importe que o que paga cada ano un veciño con saneamento. O resto do gasto do baleirado págao o concello con eses 55.000 euros, unha medida posíbel agora que saneamos economicamente o Concello”.

Ademais, a medida persigue tamén unha mellora medioambiental porque “o servizo será prestado por un xestor autorizado o que garante que as augas residuais serán tratadas nunha depuradora e non se verteran en calquera lugar”, explicou Represas.

O Alcalde aclarou que “se trata dunha medida provisional, mentres esas parroquias non teñan saneamento. Co Plan Director de Saneamento que elaboramos o pasado ano xa temos a planificación para o saneamento de todo o rural que se poderá executar aproximadamente en 12 anos. Mentres tanto, os veciños sen saneamento serán tratados igual que os que o teñen, dándolles este servizo e sen soportar maiores custos como acontecía até agora”.