Ponteareas convoca o IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey

Con este certame o Concello procura promover a investigación histórica sobre a vila e a comarca, afondando na identidade cultural de Galicia

Ponteareas convoca o IX Premio de Investigación Fermín Bouza BreyO Concello de Ponteareas convoca o IX Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, un certame co que o Goberno municipal busca lembrar o nacemento na vila do Tea do ilustre polígrafo e poeta ao tempo que promove a investigación histórica sobre o municipio e a comarca, afondando así na identidade cultural de Galicia.

Dotado con 3.000 euros, o certame está aberto aos proxectos de investigación científica relacionada cos campos da historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais que deberán ter obrigatoriamente como referente o concello de Ponteareas e, de forma complementaria, a comarca do Condado.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a todas as persoas a presentar os seus traballos de investigación a este premio que chega xa á súa novena edición. As e os investigadores interesados poderán achegar as súas propostas ata o vindeiro 20 de marzo.

O gañador da última edición foi o doutor en Economía e profesor da Universidade de Oviedo Damián Copena, que co seu traballo ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais e en man común de Ponteareas’ afondou no importante papel das comunidades de montes e do relevante valor da materia prima e ben común que xestionan e permitiu poñer a Ponteareas como un caso de estudo de relevancia neste campo fóra das fronteiras galegas.

Os proxectos de investigación presentaranse ou enviaranse, libres de gastos, ao Museo Municipal de Ponteareas (Rúa A Perillana, 9-11 – 36860 Ponteareas – Pontevedra) indicando no sobre IX Premio Fermín Bouza Brey. Pódense consultar as bases completas aquí.