Ponteareas convoca axudas para colectivos de carácter social

O Concello destina máis de 3 millóns de euros a políticas sociais

O Concello de Ponteareas publicou no Boletín Oficial da provincia o anuncio da convocatoria de subvencións, por procedemento de concurrencia competitiva, a asociacións e entidades sen ánimo de lucro para a realizaciòn de programas de carácter social no presente ano 2020. O prazo de admisión de solicitudes será de 20 días naturais contado a partir do día seguinte ao do levantamento do estado de alarma.

Estas axudas, cunha partida de 8.000 euros, teñen como finalidade apoiar ás entidades sociais que desenvolvan programas orientados á prevención, asistencia, rehabilitación, integración social ou promoción do benestar social da cidadanía do Concello de Ponteareas, a través de accións ou actividades de sensibilización da participación cidadá, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, voluntariado social e a atención de situacións de emerxencia social, entre outras, segundo informa a concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera.

Todas as asociacións que poden beneficiarse desta liña de axudas realizan durante todo o ano un traballo que merece todo o noso apoio; son programas e accións que atenden ás persoas que máis o necesitan” comentou Verónica Carrera.

E neste sentido, lembrou o compromiso do Concello coas políticas sociais, unha das prioridades do goberno municipal e máis aínda na situación actual. Cada ano faise un importante esforzo económico no orzamento municipal que neste ano supera os 3 millóns de euros para benestar social, no que se inclúe a residencia de maiores municipal cun orzamento de máis de 800.000 euros, unha das poucas residencias públicas de Galicia que non é xestionada pola Xunta.

As bases poden consultarse na páxina web do concello de Ponteareas no apartado “axudas e subvencións” ou accedendo directamente dende esta ligazón https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/

As solicitudes serán presentadas de forma telemática e deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello https://www.ponteareas.gal