Ponteareas contratou a 31 persoas desempregadas para reforzar servizos como medio ambiente, turismo, limpeza ou vías e obras

 

Concello e Deputación investiron 317.000 euros na incorporación destes novos traballadores e traballadoras ao abeiro do Plan Concellos 2021

 

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Formación e Emprego que dirixe Vanesa Fernández, rematou as incorporacións ao seu persoal de 31 traballadores e traballadoras, persoas desempregadas contratadas ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Con estas contratacións, a xornada completa e cunha duración de entre tres e sete meses segundo as necesidades dos servizos, o Concello reforzou áreas como a de medio ambiente e desbroce, a oficina técnica, vías e obras, administración, limpeza, turismo ou animación sociocultural.

 

Concello e Deputación investiron arredor de 317.000 euros nestas contratacións, realizadas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos, destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Con este plan de emprego o Concello “no só dá a posibilidade de incorporarse ao mundo laboral a persoas que se atopaban en situación de desemprego, senón que tamén contribúe dentro das súas posibilidades e competencias á xeración de postos de traballo”, como salienta a edil.

 

Estas 31 persoas, todas inscritas como demandantes de emprego e con salarios iguais aos do persoal municipal, foron incorporándose ao Concello dende o pasado mes de abril tras obter as puntuacións máis altas no baremo de méritos e nas probas prácticas realizadas. 

 

Así, nesta ocasión contratáronse 13 peóns de medio ambiente para reforzar o persoal do Concello para desbroce e corta de árbores con perigo de caída en estradas municipais e mantemento de espazos turísticos, parques forestais e espazos públicos.

 

Incluíuse tamén unha persoa para limpeza das instalacións municipais, un axudante de cociña e un auxiliar de clínica para a residencia de maiores, 3 oficiais 3ª albaneis de apoio na reparación de pequenas obras municipais, 2 oficiais 3ª de varios oficios para reforzar ao persoal do Concello no traballo relacionado co desenvolvemento de eventos, un oficial 3ª fontaneiro e 2 peóns de vías e obras.

 

Incorporáronse ademais 2 auxiliares administrativos para apoiar o labor de diferentes departamentos do Concello, un técnico ou técnica en obra pública para traballos relacionados coa rede de saneamento municipal e unha persoa licenciada ou graduada en Medio Ambiente para a participación no mantemento e continuidade do proxecto dos parques forestais creados en montes veciñais en man común en distintas parroquias, así como na información á veciñanza sobre a nova normativa autonómica de prevención de incendios ou o acompañamento nas actividades medioambientais. As contratacións pecháronse cunha persoa diplomada ou graduada en Administracións Públicas e un animador ou animadora sociocultural para colaborar con Cultura nos diferentes eventos programados para este 2021.