Ponteareas continúa apostando pola promoción empresarial e o emprendemento a través da oficina de SmartPeme

 

Concello de Deputación renovaron a colaboración dun servizo que realizou 150 asesoramentos no ano 2021. Arredor de 500 persoas participaron no amplo abano de cursos postos en marcha

 

Ponteareas continúa coa súa aposta pola promoción empresarial e o emprendemento. Concello e Deputación de Pontevedra renovaron o convenio de colaboración para realizar actividades a través da oficina de Ponteareas da rede SmartPeme, situada no Centro de Desenvolvemento Local. “Nestes intres é fundamental achegar as novas tecnoloxías ás pemes para mellorar a súa competitividade e os seus beneficios, para continuar creando emprego e que a actividade económica na nosa vila siga mellorando resultados”, salienta a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

 

Durante o pasado ano 2021, a oficina de SmartPeme de Ponteareas realizou preto de 150 asesoramentos e organizou 19 talleres sobre novas tecnoloxías nos que participaron arredor de 500 persoas. Ademais, o programa SmartPeme oferta a persoas emprendedoras, autónomas, asociacións e axentes de dinamización dos concellos servizos personalizados para o desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

 

A oficina de SmartPeme en Ponteareas presta asesoramento ás comarcas do Condado-Paradanta e permite dar apoio “ao emprendemento, innovación e creación de emprego acompañando ás persoas emprendedoras na posta en marcha de novas iniciativas, en proxectos de crecemento, creando oportunidades e dando apoio ás persoas no momento que máis o precisan”, explica a edil.