Ponteareas contempla aforrar máis do 75% da facturas das eléctricas co cambio a led do alumeado público

O proxecto contempla a substitución de máis de 7.500 farois de iluminación por lámpadas led que melloran a eficiencia, diminúen os custes do servizo e reducen as emisións de CO2 en máis de 1.700 toneladas.

O Goberno local de Ponteareas presentou a todos os grupos políticos da Corporación, o estudio de eficiencia enerxética da rede de alumeado público, un documento que, unha vez desenvolvido, permitirá a optimización da iluminación en todo o municipio amais dun considerable aforro na factura de consumo eléctrico e unha redución das emisións de CO2.

O estudo, que foi presentado polo alcalde Xosé Represas, a concelleira de Iluminación, Urbanísmo e Vías e Obras, María Jesús Garrote e técnicos da empresa encargada do mesmo, contempla a substitución das lámpadas de 7.560 farois por led que cumpren con todos os requirimentos esixidos pola Unión Europea nesta materia. Paralelamente, o estudio contempla a instalación de 15 cadros de mando e a revisión, adaptación e, no seu caso, substitución dos postes de alumeado.

A concelleira de Iluminación, María Jesús Garrote, salientou a importancia do proxecto xa que, asegurou, “permite mais do 75% de aforro na factura eléctrica” ao que se engade un aspecto de mellora medioambiental máis que significativo “xa que permitirá diminuír en 1.742 toneladas/ano, as emisiones de CO2 á atmósfera”.

Garrote explicou que o proxecto que agora se presentaba “ten detrás moito tempo de traballo e estudo xa que se trataba de buscar a solución idónea”. O estudio realizado, engadía a responsable do departamento, permite non só buscar solucións para a posta a punto do actual alumeado, “senón que tamén serviu para atopar moitas zonas, deficitarias en iluminación pública, que agora serán solventadas”.

Destacaba o alcalde Xosé Represas, na presentación deste estudio de eficiencia enerxética do alumeado, non só a importancia do mesmo “para a mellora do alumeado público en xeral”, senón da importancia que o mesmo ten “dentro dun plan global de dinamización do comercio”. Nese sentido Represas incidía sobre a importancia dunha boa iluminación “na mellora da actividade comercial, ao converter as rúas e prazas, en lugares máis agradables e, polo tanto, máis atractivos dende o punto de vista do comercio local”.

Trátase, concluíu o alcalde de Ponteareas, “de adaptar un sistema de alumeado público que quedou obsoleto, por outro máis efectivo, menos contaminante e de menor custe para o Concello ou o que é o mesmo, para o peto dos veciños e veciñas do municipio”.