Ponteareas contará no Corpus cun posto de mando avanzado

A concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade Vanesa Fernández fai público os agradecementos a todos os organismos implicados no desenvolvemento da festividade máis importante da localidade

Esta fin de semana celebrarase na nosa vila a festa do Corpus Christa, declarada de interese turístico internacional, e na que se espera unha grande afluencia de xente que percorrerá as rúas de Ponteareas para gozar da elaboración das alfombras de flores.

A Concellería de Seguridade Cidadá e Mobilidade, xestionada por Vanesa Fernández, amais de incrementar a vixilancia do evento con máis axentes de Policía Local, contará coa colaboración doutras Forzas e Corpos de Seguridade: Policía Autonómica, Guardia Civil, Guardia Civil de Tráfico. Así mesmo, participarán na seguridade de Ponteareas o servizo de Extinción de Incendios (Bombeiros), Protección Civil de Ponteareas e O Porriño, Cruz Vermella e sanitarios do Sergas. “Desde o Goberno de Ponteareas queremos agradecer a colaboración e implicación de todas as Forzas e Corpos de Seguridade, así coma de todos os organismos autonómicos e estatais”, afirma a edil.

Para a coordinación de todos eles, a Concellería da área elaborou un plan de autoprotección que será desenvolvido durante toda a noite do Corpus nun posto de mando avanzado, sito na Praza Bugallal baixo a dirección da Policía local, desde onde se coordinarán todas as incidencias acontecidas durante a noite do 28 e o día 29.  Ante calquera situación poderán ofrecer unha resposta coordinada entre todos os axentes participantes, tomando as decisións por consenso.

O posto de mando avanzado trátase dun camión cedido para este evento pola Xunta de Galicia por mediación da AXEGA. Dispón dunha sala de gabinete de crise para a toma de decisións e o seguimento das incidencias por parte dos mandos de todos os axentes intervenientes. Está dotada con tecnoloxía multimedia, pantallas TFT, rede informática, telefonía e fax interconectados. Conta tamén cunha sala de coordinación operativa dotada con comunicación vía radío, satélite, UMTS, GPRS, GSM e información vía televisións e radios comerciais. A telefónía e a conexión a Internet pro satélite garanten a comunicación en calquera circunstancia.

Amais, varias rúas de Ponteareas estarán controladas por cámaras de gravación de imaxes que serán colocadas ao efecto de prevención e vixilancia de actos vandálicos e control da delincuencia que se poda producir esa noite na vila. Estas imaxes estarán visualizadas e controladas en todo momento desde o centro de coordinación do posto de mando avanzado pola Policía Local.