“É unha actuación urxente para reducir riscos”, afirma a alcaldesa, Cristina Fernández Davila
O Concello de Ponteareas construirá un muro de contención que garanta a seguridade da contorna do punto limpo en Alemparte (Areas), xa que a instalación municipal está construída sobre un terreo con gran desnivel con risco de desprendemento. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, expón que esta actuación “é urxente para reducir o perigo, sobre todo en inverno, e mellorar o servizo ofrecido á veciñanza”.
Durante a intervención tamén se aproveitará para levar a cabo a construción dun muro de peche que evite a entrada de persoas alleas ao punto limpo así como animais. Este muro de peche discorrerá na cota superior do muro de contención, establecendo así unha dobre protección.
A intervención conta cun orzamento de máis de 180 mil euros financiado por fondos propios do Concello e o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.