O Concello organiza varias actividades o día 16 e 17 de maio para loar as Letras Galegas, a lingua e a figura do homenaxeado, o poeta e ensaísta Manuel María Fernández Teixeiro.
Na véspera do Día das Letras Galegas, acontecerá a presentación na Biblioteca Municipal da obra Manuel María. Labrego con algo de poeta o luns 16 ás 18.00 horas, a cargo da poeta Marta Dacosta, autora de Dun lago escuro, premio Johán Carballeira de Poesía no 2013. A autora coruñesa Mercedes Queixas é unha escritora galega, licenciada en Filoloxía Hispánica, na subsección de galego-portugués, na Universidade da Coruña, e exerce actualmente a docencia no CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, labor que compaxina coas funcións de secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Deseguido, no mesmo lugar, ás 20.00 h Álvaro Muras presentará o seu espectáculo para todos os públicos Maxia e Música con Manuel María. Un espectáculo con fondo musical e ilusións sorprendentes, que navegan nos versos do poeta lucense, coa participación do público para facelo mais interactivo. Una hora de sorpresas con cancións, cordas, cartas, panos, papeis e outros artiluxios máxicos, coa vida de Manuel María coma escenografía.
O martes 17 de maio, Día das Letras Galegas , a Praza Maior de Ponteareas acollerá pola tarde un festival infantil, a cargo da compañía Barafunda, co espectáculo “Xan das Ondas” e “ A maxia de Xabi”, dirixido a un público familiar e infantil para o goce de toda a familia.
O primeiro espectáculo, a partir das 18:00 horas, Xan das Ondas, trátase dun espectáculo de contacontos cuxo protagonista lle gusta moito o mar e emprende unha gran aventura adentrándose no máis profundo dos océanos.
Ás 19:30 horas, a maxia será a protagonista a través do espectáculo A Maxia de Xabi, a través do cal o mago Xabi fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá aos máis grandes. A maxia vista sempre desde unha perspectiva cómica e interactiva onde o público se sinta integrante dun espectáculo divertidísimo para toda a familia, onde se mestura a ilusión da maxia e a risa.
Desde o día 13 de maio, o Concello de Ponteareas, levou a cabo o reparto de bolsas de pan con poemas de Manuel María para difundir a obra do escritor entre a poboación, en colaboración coas panaderías de Ponteareas, tentando chegar así a un amplísimo sector da cidadanía.