Ponteareas conmemora o Día da Patria Galega cun acto este xoves 21 de xullo

Ponteareas conmemora o Día da Patria Galega cun acto este xoves 21 de xullo

O acto celebrarase ás 21.00 horas na praza Dr. Fernández Vega con lectura do manifesto a cargo da ponteareá Nuria Gesteira

O Concello de Ponteareas conmemora este ano o 25 de xullo, Día da Patria Galega, cun acto que se celebrará esta mesma semana. Deste xeito, este xoves 21 de xullo a partir das 21.00 horas a praza do Dr. Fernández Vega acollerá a cerimonia de conmemoración na que participarán membros da corporación municipal e que está aberta a todas as entidades e colectivos, así como ao público xeral.

O acto de conmemoración dará comezo coa lectura do manifesto, que este ano será a cargo da ponteareá Nuria Gesteira, xerente de AdobiArte, no que a cultura e a tradición galegas son as protagonistas. Dedicada á venda de traxes galegos e complementos, artesanía e música tradicional galega con todo tipo de instrumentos e consumíbeis, Gesteira foi recentemente galardoada cun dos premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa 2021’ polo emprego da lingua galega nas relacións coa súa clientela e a través das redes sociais e pola súa aposta por produtos etiquetados e rotulados en galego.

O vínculo de Nuria Gesteira co baile galego técese dende ben pequena. Comeza a bailar na Asociación Castromao de Mondariz aos 4 anos e, unha década despois, incorpórase ao GBMT Os Muíños de Oliveira, no que funda no 1998 o grupo de pandeireteiras, co que acadou numerosos premios ao longo de 12 anos. No 2013 Gesteira funda SADEO Pandeireteiras, co que gaña varios premios, e, na actualidade, leva a dirección da Agrupación Folclórica Vento Mareiro, a sección de pandeireta da AC Ondiñas do Mendo e forma parte do elenco da Óscar Cobo Compañía de Danza, entre outras.

O broche de ouro desta cerimonia de conmemoración será o concerto de Nelson Quinteiro Trío, un espectáculo no que as músicas de raíz e o xogo de latitudes conquistarán ao público asistente. Tras esta música galega cunha factura impecable, o acto pecharase coa distribución de bandeiras galegas a todas as persoas asistentes.

O Concello convida a todas as e os ponteareáns a participar neste acto institucional e conmemorar xuntos e xuntas o día grande de Galicia.