Ponteareas clausura o obradoiro de emprego Coidar de Nós

A alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández e o alcalde das Neves, X.Manuel Rodríguez, clausuraron o obradoiro de emprego “Coidar de Nós” acompañados do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

O obradoiro conxunto de Ponteareas e As Neves, denominado “Coidar de Nós”, contou con 20 alumnos e unha achega da administración autonómica de 288.807 euros máis os fondos propios dos concellos. Estivo centrado en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e institucións e en actividade auxiliar en viveiros e mantemento de xardíns, polo que os alumnos realizaron prácticas levando a cabo atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e nas propias institucións da localidade, así como rehabilitando e mantendo os espazos verdes municipais.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes puideron combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Tratamos así de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Cores Tourís.

Pola súa parte, Vanesa Fernández recordou a Cores Tourís que Ponteareas é o concello de Galicia de máis de 20.000 habitantes coa renta per cápita máis baixa e de maior paro feminino, motivo polo que solicitou incrementar o apoio en canto a formación e emprego para facilitar a inserción laboral.

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, aproveitou o encontro para solicitar que se actualice o catálogo de formativo para ofertar formación axeitada á demanda actual do mercado laboral. Así mesmo, propuxo mudar e flexibilizar as datas de celebración dos obradoiros de emprego na comarca para poder ofertar un obradoiro de enoloxía que se imparta coincidindo co ciclo de crianza do viño.

Seguindo os éxitos colleitados polo anterior obradoiro de emprego no que se acadaou o 100% da inserción laboral na rama de sociosanitaria, o que se ven de clausurar acada xa no remate de curso o 60% de inserción laboral.

Os datos son a proba de que a formación é indispensable para incrementar as posibilidades de inserción laboral; por iso dende o concello apostamos por políticas activas de emprego, por ofertar o maior número posible de formación dentro da nosa área xeográfica e tentando, sempre que é posible, que sexa gratuíta que se empre inclúa unha parte práctica”, conclúe Cristina Fernández, alcaldesa en funcións.