Ponteareas celebra o 150 aniversario da Banda de Música A Unión de Guláns cunha ampla programación

Ponteareas celebra o 150 aniversario da Banda de Música A Unión de Guláns cunha ampla programación

A banda retoma os actos conmemorativos de 2020, adiados pola pandemia

A presentación terá lugar este domingo 22 ás 17.00 horas na Casa Cultural de Guláns

A Banda de Música A Unión de Guláns, en colaboración co Concello, presentará este domingo os actos conmemorativos do seu 150 aniversario. A cita é a partir das 17.00 horas na Casa Cultural de Guláns.

Fundada en 1870, pola Unión de Guláns pasaron 20 directores e centenares de músicos e músicas que deron a coñecer á banda e fixeron da mesma o maior orgullo da parroquia converténdoa, como indica o seu propio nome, nun auténtico nexo de unión entre os seus veciños e veciñas.

Entre as actividades previstas figura unha cea e posterior baile de Entroido con temática dos anos 70 e no que A Unión de Guláns interpretará temas da época, que se celebrará o sábado 18 de febreiro. O día 21 de maio está previsto que a banda presente un novo disco de música galega. Durante as festividades do Corpus Christi manterán aberta unha exposición de instrumentos, fotografías e partituras no museo da biblioteca municipal de Ponteareas. E o broche de ouro destes actos conmemorativos do 150 aniversario chegará co concerto do 23 de xullo na vila do Tea, un evento no que compoñentes actuais e antigos interpretarán conxuntamente dúas pezas e retomarán a súa ‘unión’ cun xantar posterior.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, sinala a importancia de celebrar esta importante data para A Unión de Guláns e que “a banda cumpriu 150 anos en 2020, pero non puidemos poñer en valor a súa ampla traxectoria e legado por mor da situación sanitaria polo que agora era necesario retomar esa celebración cunha programación ampla e diversa”. Por último, Groba quere “convidar a todos os veciños e veciñas de Ponteareas a que se acheguen á presentación do domingo e participen en todos os actos previstos ao longo do ano”.