
O Concello transformará esta rúa en camiño escolar seguro de acceso ao IES Pedra da Auga e ao IES Val do Tea
Os traballos serán financiados polo Ministerio de Sanidade co apoio da FEMP con cargo a fondos Next Generation EU
O Concello continúa a dar pasos para transformar Ponteareas nunha vila segura e saudábel. A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) vén de conceder unha nova axuda ao municipio para levar a cabo a recuperación da rúa Forno Telleiro, situada no lateral do parque Ferro Ucha, que quedará destinada a uso peonil e ciclábel e permitirá a transformación deste tramo en camiño escolar seguro de acceso ao IES Pedra da Auga e ao IES Val do Tea, ademais de conectar itinerario escolar seguro de acceso ao CEIP Ramiro Sabell.
Será unha subvención de 60.000 euros financiados polo Ministerio de Sanidade con cargo a fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Con ela a FEMP valora moi positivamente un proxecto “que busca a creación e a rehabilitación de espazos cos que contribuímos á promoción de estilos de vida e contornas saudábeis e a unha mobilidade alternativa que permita á nosa veciñanza previr problemas de saúde”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
Estes fondos europeos permitirán levar a cabo a redacción do proxecto, así como a dirección e a execución da obra. Antes da redacción do proxecto de intervención o Concello porá en marcha un proceso participativo coa comunidade educativa, coa veciñanza das rúas adxacentes e coas persoas usuarias do parque Ferro Ucha, xa que, como recalca Fernández Davila, “é fundamental contar coa opinión de todas as persoas que usan esta rúa para ver cal é a mellor forma de levar a cabo esta transformación vital para Ponteareas, xa que non só nos permite continuar recuperando espazos para as persoas, senón que tamén fomentará que as nosas e nosos escolares gañen en autonomía e liberdade ao tempo que gozan dun hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro”.
Con este proxecto búscase dar continuidade ao primeiro camiño escolar seguro posto en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra, co que se está a transformar un espazo degradado empregado por máis de 1.500 rapaces e rapazas nunha zona con plataformas únicas, prioridade peonil e tráfico rodado limitado. Esta remodelación da rúa Forno Telleiro permitirá completar esta intervención que conta cun investimento de máis de 963.000 euros financiados a través do proxecto ReacPon e do Plan Concellos.