Ponteareas camiña cara a unha hostalaría máis sostíbel

Ponteareas camiña cara a unha hostalaría máis sostible

Concello e Ecovidrio poñen en marcha unha campaña para aumentar a porcentaxe de reciclaxe de vidro entre os locais hostaleiros

Camiñar cara a un sector hostaleiro máis sostible. Ese é o obxectivo da campaña de reciclaxe que acaba de poñer en marcha o Concello de Ponteareas en colaboración con Ecovidrio e coa que se busca facilitar a recollida e reciclado de vidro entre os locais da canle Horeca (hoteis, restaurantes e cátering) do municipio.

“O compromiso do sector da hostalaría e da restauración é fundamental para a reciclaxe deste material, xa que xera o 52% dos residuos de envases de vidro dun só uso. E iso demostra que xogan un papel imprescindible para acadar os obxectivos de redución que nos temos marcados e para camiñar cara a unha sociedade máis sostíbel”, destaca a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

No marco desta campaña, persoal técnico acreditado realizará unha primeira visita aos establecementos hostaleiros da vila que poden adherirse para promover a reciclaxe de residuos de envases de vidro, informando sobre a normativa actual e entregándolles un colector de 120 litros con rodas para facilitar o transporte e baleirado do vidro nos contedores verdes. Unha vez avanzada a campaña, realizarase unha segunda visita entre os locais non adheridos para incidir na iniciativa.

A concelleira de Medio Ambiente lembra que “os envases de vidro recíclanse ao 100% de forma infinita e que de cada botella, tarro ou frasco que reciclemos podemos obter outro exactamente igual”. Covelo quixo trasladar a todos os establecementos o agradecemento anticipado do Goberno municipal “por unha colaboración que nos axudará a conseguir un municipio máis ecolóxico e sostíbel”.