O concurso, para nenos e nenas de ata 12 anos, será o domingo 27 de febreiro ás 18.00 h na Praza Maior. As inscricións poderán realizarse esa mesma tarde dende as 17.00 h
O Entroido arrancará xa o sábado 26 de febreiro cun obradoiro de máscaras para nenos e nenas de 3 a 14 anos
Ponteareas busca o mellor disfrace infantil deste Entroido. O Concello organiza o vindeiro domingo 27 de febreiro un concurso de disfraces para nenos e nenas de ata 12 anos, que poderán participar no certame de forma individual ou en grupo dun máximo de cinco compoñentes. “Queremos encher a vila de cor e de ledicia para que a veciñanza poida gozar dun Entroido festivo, cunha programación que volve levar a cultura e ocio ás rúas, contribuíndo tamén á dinamización do comercio e da hostalaría local”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.
Repartiranse premios ás cinco mellores caracterizacións, que levarán agasallos como un patinete eléctrico infantil, un altofalante intelixente, unha pulseira dixital, un lote de libros e un xogo educativo infantil. Para facerse con algúns destes premios o xurado valorará “a orixinalidade, o colorido dos disfraces e o traballo e o bo gusto na súa realización, pero tamén aqueles que sexan de confección artesanal e únicos”.
O concurso terá como escenario a Praza Maior e comezará ás 18.00 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse esa mesma tarde dende ás 17.00 horas nun espazo habilitado na mesma zona do certame. A esa mesma hora iniciará o seu percorrido unha divertida animación de rúa.
Esta actuación e o concurso de disfraces non serán as primeiras actividades do Entroido en Ponteareas. A programación comezará ás 17.00 horas do sábado 26 de febreiro cun obradoiro de máscaras dirixido a rapaces e rapazas de 3 a 14 anos.