Ponteareas avanza na ampliación da súa rede de calor con biomasa para conectar tres novos edificios municipais

Ponteareas avanza na ampliación da súa rede de calor con biomasa para conectar tres novos edificios municipais

A rede incluirá o Centro de Dinamización Empresarial, o Centro Cívico e o Edificio de Usos Múltiples que albergará a nave de Aceros del Tea

Ponteareas continúa coa ampliación da súa pioneira rede de calor pública. O Concello avanza de forma rápida na execución das obras que permitirán estender esta rede ata novos edificios de titularidade municipal, incrementando e optimizando a potencia de produción dispoñíbel e continuando no camiño da innovación e a sostibilidade no eido enerxético.

Con esta ampliación das instalacións procederase a dar servizo e cubrir as necesidades de calefacción e auga quente do Centro de Dinamización Empresarial, a piques de abrir ao público; do futuro Centro Cívico situado na Praza Maior, xa en fase de remodelación; e o edificio de usos múltiples que albergará a antiga nave de Aceiros del Tea, que nestes intres atópase en proceso de licitación das obras de rehabilitación.

“Son novos pasos para facer de Ponteareas unha vila máis verde e sustentábel, xa que esta ampliación permitirá incluír que instalacións que se están a remodelar na actualidade conten xa cun subministro por biomasa de lasca producida nos montes próximos, xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de incendios e garantindo unha contaminación cero”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

A rexedora salientou que “somos referente a nivel galego en canto á instalación deste sistema e chámannos doutras cidades para coñecer o que estamos a facer. O noso obxectivo é seguir avanzando para que nos vindeiros anos a totalidade dos edificios públicos conte con este sistema e xa estamos estudando a posibilidade de transferilo ao parque de vivendas privadas e empresas, creando novos puntos de conexión que favoreza un abaratamento de custes de calor e auga, unha maior eficiencia enerxética e unha redución das emisións tanto entre a veciñanza como no tecido empresarial”. A alcaldesa destacou ademais que se trata dunha iniciativa que tamén se estuda levar ás parroquias nun futuro.

Con esta ampliación, a rede de calor lévase cara á Praza Maior a partir da derivación que se deixou prevista no ramal principal á saída do edificio central na rúa Santa Ana. As tubaxes instaladas na primeira fase foron xa dimensionadas para soportar os caudais das ampliacións de rede sucesivas ata completar a totalidade da rede de calor de Ponteareas.

Este aumento de potencia “favorecerá o paso cara a unha economía baixa en carbono, dando pulo ao uso das enerxías renovábeis na vila e mellorando a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións municipais”, como asegura a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote. Garrote lembra que a posta en marcha desta rede de calor “sitúa a Ponteareas como un concello pioneiro e innovador que aposta pola sostibilidade non só como ferramenta de aforro económico, senón tamén como camiño para diminuír a nosa pegada de carbono”.

Cun investimento de case 288.000 euros, as obras contan están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’, o Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e fondos propios do Concello.