Ponteareas avanza con éxito no seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostíbel  

O Concello fixo balance moi positivo das accións de mitigación levadas a cabo, algunhas delas como o cambio do alumeado público por tecnoloxía LED completadas case ao 100%

O Concello de Ponteareas aprobaba en 2020 o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostíbel (PACES) convencido da importancia desta ferramenta para a preparación da vila ante os retos que esixe o cambio climático en todos os territorios. Agora, tras dous anos de traballo, o Goberno municipal realizou un informe de seguimento cun balance moi positivo e con algunhas das accións previstas completadas case ao 100%.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, salienta a aposta estratéxica do Goberno municipal por transformar Ponteareas nunha vila máis sostíbel e o firme compromiso “de acadar as metas marcadas, como a redución das emisións de CO2 como mínimo nun 40% ata o 2030 mediante o aumento da eficiencia enerxética e un maior uso de fontes de enerxía renovábeis”.

Durante este dous anos o Concello de Ponteareas puxo en marcha numerosas accións de mitigación dos efectos do cambio climático, como o cambio do alumeado público por luminarias de alta eficiencia de tecnoloxía LED en todo o municipio, unha medida financiada a través de fondos IDAE e que está practicamente finalizada que permitirá reducir o consumo nesta área ata un 60%.

Outra as accións contempladas no plan que se atopan máis avanzadas e relacionadas coa anterior medida é o emprego de sistemas de acendido mediante reloxo astronómico en todos os centros de mando de alumeado municipal, axustando mellor o funcionamento do alumeado en maior medida entre o solpor e o amencer e conseguindo unha redución do consumo anual do 5% nesta área. Esta iniciativa, que tiña como data de remate 2025, está xa completada ao 85%.

O Goberno municipal leva traballando nos últimos anos para conseguir unha vila máis eficiente enerxeticamente tamén nas instalacións municipais, por iso durante os últimos meses leváronse a cabo diferentes obras de mellora da envolvente de edificios municipais para mellorar o seu illamento térmico, unha medida que se prevé estender ao 75% dos edificios municipais e que se está a desenvolver a través de diferentes fondos europeos e rexionais.