O goberno de Ponteareas asinou hoxe co Instituto Galego de Vivenda seis préstamos sen xuros para seis actuacións de conservación, rehabilitación e compra de inmobles por un importe total de 806.650 euros. A Consellería de Vivenda a apoia as propostas do goberno ponteareán e adianta a financiación que o concello devolverá con fondos propios e da estratexia EDUSI. O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) adiantará os fondos necesarios para executar as obras e o concello devolverá as cantidades percibidas no prazo de oito anos.
Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, coa sinatura de seis convenios de colaboración que permitirán ao concello acceder ao fondo de cooperación do IGVS para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Concretamente, entre as actuacións que se financiarán a través deste fondo en Ponteareas figuran a adquisición dun inmoble na parroquia de Pías para a súa conversión en Casa Cultural, por un importe de 150.000 euros, e a compra de dúas plantas do edificio da Seguridade Social para ofrecer servizos de apoio ao emprendemento, cun orzamento de 156.364 euros. Así mesmo, a maior das actuacións comprometidas hoxe será a rehabilitación de catro vivendas para atender casos de emerxencia social, á que se destinarán 209.278 euros.
Os outros tres convenios asinados teñen por obxecto executar as obras de acondicionamento do conservatorio de música Reveriano Soutullo por 117.445 euros e acometer a mellora da eficiencia enerxética da Escola Infantil, cun orzamento de 104.342 euros, e da Biblioteca-Museo, por valor de 69.232 euros.
O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, manifesta que grazas ao esforzo en sanear as contas do concello, saldando as grandes débedas históricas, hoxe obteñen a confianza das diferentes administracións e acceden a estes préstamso sen intereses que permitirán a cancelación sen cargas e o pago cómodo ao longo de oito anos.
Para Represas este é un novo exemplo do traballo realizado en conxunto con outras administracións como o Instituto Galego da Vivenda e Solo amosando bo entendemento e capacidade de xestión, ademais de solvencia económica.
“Estes tres anos de esforzo e traballo dan agora os seus froitos e obtemos a confianza das administracións e podemos optar a diferentes fondos ao reunir os requisitos esixidos polas diferentes administracións públicas para construir a Ponteareas do futuro. Seguimos na liña do traballo participativa, colaborativo, abertos ao diálogo e na procura constante de melloras”.
Con estes fondos Ponteareas medrará coa realización de actuacións de recuperación e posta en valor do seu patrimonio construído co fin de recuperar ámbitos que presentan un estado deficiente de conservación, en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns.
Así mesmo ampliaremos patrimonio adquirindo inmobles que ofrezan novos servizos á veciñanza.