O concello de Ponteareas contratou o pasado mes de outubro os servizos da empresa Combina Social S.L., participada integramente por COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) para asesorar á institución municipal en materia de accesibilidade durante o derradeiro trimestre do presente ano.
Os servizos contratados consisten no asesoramento para a mellora de accesibilidade nas prazas de aparcamento reservadas a persoas con mobilidade reducida, tanto existentes como de nova creación. Tamén se inclúe o asesoramento en relación cos proxectos e obras de humanización para garantir a accesibilidade neses novos espazos.
Segundo explica o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, “o obxectivo que se persegue co asesoramento de Combina Social é conseguir que o maior número de prazas de estacionamento reservado cumpran coa normativa vixente e resulten funcionais, garantindo un acceso seguro dende a beirarrúa e uns espazos de aproximación que garantan o acceso ao vehículo”.
Nos últimos meses a concellaría de Mobilidade e Tráfico xa acometeu actuacións en 12 prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, 6 delas xa existentes, que foron melloradas, e outras 6 de nova creación. Durante as vindeiras semanas e a través do asesoramento de Combina Social actuarase noutras 15 prazas de estacionamento tanto xa existentes como de nova creación.
Combina Social S.L. é un centro especial de emprego creado por COGAMI que ten por obxecto o inserimento laborar de persoas con discapacidade. O equipo que desenvolve o asesoramento contratado está composto por un arquitecto e unha técnica de accesibilidade.
Mera salienta que “con esta decisión, asegurámonos unha competente supervisión técnica en materia de accesibilidade e contribuimos á integración social e laboral de persoas con discapacidade que prestan os seus servizos en Combina Social, seguindo a liña tamén dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que traballan pola igualdade de oportunidades e a inclusión social”.