Ponteareas aproba por unanimidade a adhesión do Concello ao Eixo Atlántico

A Corporación de Ponteareas vén de aprobar no último Pleno do ano, celebrado o pasado martes, a adhesión do Concello ao Eixo Atlántico, entidade que promove a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal. O Concello xa solicitara formar parte da asemblea do Eixo Atlántico, que reúne a cerca de 40 municipios.. A proposta do goberno BNG-PSOE foi aprobada por unanimidade recibindo tamén o apoio do PP e do grupo independente ACIP.

 

O goberno municipal mostrou a súa satisfacción polo apoio recibido para esta integración que consideran que vai a resultar moi positiva para o futuro de Ponteareas.

 

O Eixo Atlântico do Noroeste Peninsular, unha asociación transfronteiriza, integrada polas principais cidades da Galiza e da rexión norte de Portugal, naceu en 1992 e ten actualmente 38 membros. Promove, entre outros aspectos, o desenvolvemento e a cohesión económica, social e cultural das cidades que conforman a asociación. As atividades do Eixo Atlántico agrúpanse en catro grandes grupos temáticos: turismo, cultura e educación, deporte e sustentabilidade.

 

Plan estratéxico do Eixo Atlántico para a recuperación frente á pandemia

O goberrno de Ponteareas considera que a adhesión se produce nun intre crucial, pois o Eixo Atlántico definíu un plan estratéxico para a recuperación fronte á pandemia. As súas liñas de actuación van dirixidas á revitalización económica, a transición dixital, a transición verde, a cohesión social e a cultura. “Coa nosa presenza no Eixo Atlántico, Ponteareas poderá participar activamente no deseño de novas políticas e nas propostas que dende a asociación se trasladarán ao Goberno do Estado para definir o destino dos fondos de reconstrución da Unión Europea”, salientou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.