Ponteareas aproba en pleno a primeira regulación de postos de traballo (RPT) da súa historia e actualiza o convenio pendente dende 1999

Unha nova iniciativa do goberno de Ponteareas, BNG, PSOE e Riada do Tea,  volve facer historia ao aprobar onte por unanimidade a Corporación o convenio colectivo do persoal laboral e o acordo regulador dos funcionarios que dende hai vinte anos estaba conxelado.

No pleno celebrado onte, o goberno felicitou aos traballadores por conseguir sair dunha situación ancorada no pasado, ao concelleiro de Facenda Francisco Floreal Alonso polo seu empeño e dedicación para sacar adiante estes acordos e aos representantes sindicais e á Corporación por acadar o consenso e traballar en conxunto no beneficio dos e das traballadoras. 

O Alcalde de Ponteareas quere recordar á veciñanza que o convenio colectivo, que saíu adiante co consenso de todos os sindicatos e as forzas da Corporación actualiza os salarios, as obrigas e as condicións dos máis de 143 traballadores laborais do concello. 48 dos traballadores laborais tiveron actualizado o seu salario no presente ano porque estaba por debaixo do salario mínimo interprofesional e mesmo algúns por debaixo dos convenios de empresas privadas no mesmo sector. 

Con todos os informes favorables, tanto de secretaria como de intervención, levouse a pleno o convenio colectivo que levaba pendente vinte anos e que priorizou as subas dos salarios máis baixos e regulou a disparidade inxusta nalgúns postos de traballo motivo polo que algúns quedan na mesma situación sen que se suban os salarios.

Pola súa parte, a tenente de Alcalde, Chus Garrote, manifestou que “é unha cuestión de dignidade. Este goberno sempre tivo claro que quería aprobar este convenio, sempre tivemos a vontade de mellorar as condicións dos e das traballadoras municipais”.

O pleno tamén aprobou, coa abstención de ACIP, a RPT (regulación de postos de traballo) na que se organizan os postos de traballo e as súas funcións. Neste novo documento ponse orden á caótica situación de todos estes anos e desaparecen postos que na actualidade non teñen sentido.

Este organigrama administrativo, co que non contaba o concello de Ponteareas a pesar de ser obrigatorio, nunca chegara a levarse a pleno a pesar de que se produciron varios intentos por parte do PP. “ A Corporación de Ponteareas é o reflexo da sociedade, unha sociedade plural e complexa que esixe acordos entre diferentes forzas políticas deixando de lado diferencias partidistas, iso é o que fixo o goberno acadando o máximo consenso sindical e político”.

Ponteareas conta xa cun documento básico que cumpre coa legalidae e que supera todos os presaxios de fracaso que moitos auguraban e que hoxe regula complementos, salarios, horarios, funcións e outros aspectos que rematan coa situación de descontrol e inxustiza que se estaba a producir.

Chus Garrote suliñaba que se trata dun acordo que representa a todos os traballadores e traballadoras e manifestaba sentirse orgullosa dun convenio no que se beneficiou aos que menos cobraban. “Coa aprobación destes documentos cumprimos coa responsabilidade da administración local e pomos fin á xestión de caciqueo dos anteriores gobernos que non foron capaces de aprobar unha RPT nin de actualizar un convenio colectivo. Houbo dous encargos de duas RPTs e enganaron aos trabalhadores municipais con falsas expectativas porque non tiñan a vontade real de sacalo adiante”.

O concelleiro de Servizos Sociais e de Medio Rural, Manolo Troncoso, tamén recoñecía no pleno o esforzo e a boa vontade de todas as partes para chegar a un acordo no que se fai xustiza aos e ás traballadoras municipais.