Ponteareas aposta pola peonalización

O 80% das persoas enquisadas queren rúas completamente peonís ou semipeonís

Case 500 persoas respostaron as enquisas do plan de mobilidade

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera deu a coñecer os resultados da enquisa cidadá realizada no marco do Plan de Mobilidade durante o mes de novembro do pasado ano. Un total de 491 persoas responderon ao cuestionario que estivo dispoñíbel durante quince días para ser cumprimentado por calquera cidadán. Mera agradeceu a participación veciñal “que foi moi elevada se se compara con procesos semellantes realizados noutros concellos da entidade de Ponteareas nos que as enquisas apenas acadaron o centenar”.

O cuestionario recollía preguntas relativas aos diferentes modos de desprazamento, o uso do transporte público ou as peonalizacións e humanizacións para mellorar a mobilidade.

Os datos revelan que para as persoas enquisadas os principais problemas na mobilidade a pé radican no estado e dimensións das beirarrúas, que se consideran en xeral demasiado estreitas, así como na perigosidade dos pasos de peóns, especialmente polos seus problemas de visibilidade. Para mellorar a mobilidade a pé a maioría das persoas enquisadas defenden, por esta orde, a eliminar barreiras de accesibilidade, ampliar as beirarrúas e dotar de máis sombra os espazos públicos.

En canto ás peonalizacións, case o 80% das persoas enquisadas apostan por máis rúas completamente peonís (como a rúa da Esperanza na actualidade) ou semipeonís coma a reforma realizada recentemente no primeiro tramo do Paseo Matutino. Máis concretamente, o 50%, das persoas enquisadas demandan máis rúas completamente peonís. Tan só o 21,3% cre que Ponteareas non precisa máis rúas peonís ou semipeonís e defenden manter a rede viaria con predominio do vehículo.

En canto ás propostas de rúas ou espazos completamente peonís destacan, por orde de preferencia manifestada nas enquisas, a Praza de Bugallal, a zona da Praza de Abastos e Auditorio, a Praza Maior, a Avenida da Constitución, o entorno do Concello, Senén Canido, Vidales Tomé, Reveriano Soutullo e Emilio Rodríguez. Esas mesmas zonas tamén se propoñen para semipeonalizacións, engadindo neste caso outras como Concha Brey, Doutor Fernández Vega ou o resto do Paseo Matutino.

Roberto Mera salientou que a enquisa revela que “unha ampla maioría de ponteareáns queren máis peonalizacións e semipeonalizacións e en numerosos lugares da vila, fundamentalmente nos máis céntricos, onde xa están previstas por parte do goberno actuacións nesa liña como a do Mercado e Auditorio, actualmente en execución, ou a Praza de Bugallal cuxa humanización se licitará proximamente”.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico valorou positivamente a opinión veciñal expresada nas enquisas “pois é coincidente co modelo de vila do goberno local que aposta por poñer Ponteareas ao servizo das persoas humanizando os espazos públicos para mellorar a calidade de vida da xente”.