Ponteareas apela á responsabilidade ante o aumento da incidencia da COVID-19 na localidade

O goberno local suspende as actividades municipais ao aire libre tras situarse o número de novos casos en nivel de alerta laranxa

A concelleira de Saúde e tenente alcalde do Concello de Ponteareas, Cristina Fdez. Davila, informa que a incidencia da COVID-19 na localidade vén de aumentar na última semana, ao situarse os novos casos positivos entre 14 e 21, segundo datos oficiais do Servizo Galego de Saúde.

 

Ante esta actualización de datos, que sitúa ao concello en alerta laranxa, Fernández Davila sinalou que nos últimos catorce días os novos casos acumulados figuran no nivel correspondente ao tramo entre 14 e 28 persoas.

 

A tenente alcalde e concelleira nacionalista insta á veciñanza a “seguir actuando diariamente con extrema prudencia e responsabilidade, cumprindo as obrigas e recomendacións sanitarias para evitar o empeoramento da situación epidemiolóxica e superar colectivamente esta crise”.

 

Fernández Davila, responsable tamén da área de Eventos, sinalou que “por responsabilidade, dende o goberno local vimos de suspender todas as actividades municipais que estaban programadas para celebrárense ao aire libre nos vindeiros días, evitando así posibles aglomeracións ou xuntanzas de grupos numerosos de persoas, conscientes de que a prioridade neste momento debe ser a saúde das nosas veciñas e veciños”