Ponteareas amplía a sete rúas a área urbana de preferencia peonil e tráfico a motor limitado

Ponteareas amplía a sete rúas a área urbana de preferencia peonil e tráfico a motor limitado

A Deputación de Pontevedra, a través da Rede Ágora, subvencionou con 50.000 euros a redacción dos proxectos de humanización destas rúas

 

Áreas peonís con tráfico limitado a autorizadosO Concello de Ponteareas redactará nos vindeiros meses os proxectos de humanización de sete rúas situadas na contorna da Praza de Bugallal e da Casa do Concello, tras recibir da Deputación Provincial, a través da Rede Ágora, unha subvención de 50.000 euros para ese fin. Trátase de catro rúas que desembocan na Praza de Bugallal: Vidales Tomé (2º tramo), Morales Hidalgo (1º tramo), Senén Canido e Constitución. A estas únense ademais as rúas Concha Brey e o primeiro tramo de Reveriano Soutullo e de Virxe dos Remedios.

 

A redacción dos proxectos e posterior execución das obras enmárcanse no compromiso do Concello de Ponteareas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel das Nacións Unidas e da Axenda 2030, para facer fronte a retos coma o cambio climático. Ese compromiso implica recuperar o espazo público para o desfrute das persoas, fomentar os desprazamentos a pé e reducir o tráfico de vehículos, a grave contaminación atmosférica e acústica que provocan e a inseguridade viaria.

 

Para avanzar neses obxectivos, todas esas rúas foron delimitadas nos últimos días coa colocación de xardineiras de grandes dimensións e sinalización para destinalas a un uso preferente peonil e limitar a presenza de vehículos aos supostos de necesidade para a vida social e económica. O Goberno Municipal está desenvolvendo unha campaña de información entre todas as persoas residentes, comercios e actividades desas rúas na que se explican as razóns desta iniciativa e se informa sobre a regulación desa circulación limitada.

 

Así, poden acceder a esa zona aqueles vehículos que o precisen para cargar e descargar obxectos voluminosos ou pesados, sexan residentes, comerciantes, transportistas ou clientela de comercios, sempre que eses obxectos non sexan transportábeis a pé. Tamén poden acceder vehículos que precisen deixar ou recoller a persoas con mobilidade reducida e, por último, usuarios de garaxes e servizos de taxi e de emerxencia. Neses supostos permitidos os vehículos deben circular a 10 km/h como máximo, dar prioridade sempre aos peóns e unicamente poderán parar polo tempo imprescindíbel, en todo caso inferior a 15 minutos.

 

O Concello salienta que “este sistema, ademais de dar máis espazo para as persoas, reducir o tráfico e a contaminación no centro urbano, facilita tamén a actividade comercial e social. As persoas que realmente teñen necesidade de acceder con vehículo a esas zonas agora terán asegurado espazo para realizar a parada e a súa xestión comercial ou persoal diante do destino, algo que antes era imposíbel; para o resto dos casos nos que non é preciso levar o coche até a porta da vivenda ou do comercio o Concello ofrece aparcadoiros con centos de prazas dispoñíbeis a menos de 2 minutos da entrada a esas rúas”.

 

Atendendo á variedade de supostos autorizados, non se empregará o sistema de tarxetas de autorizados senón que a Policía Local comprobará in situ se a presenza dun vehículo nesa zona se corresponde cos casos autorizados e polo tempo máximo permitido.

 

Ponteareas amplía a sete rúas a área urbana de preferencia peonil e tráfico a motor limitado